O popular Luís Insua xa é o novo alcalde de Fisterra tras saír adiante a moción de censura
Acollía o Mercado Cultural de Fisterra o pleno extraordinario da moción de censura presentada polos 5 edís do PP e o concelleiro expulsado de Alternativa dos Veciños. Cheo ata a bandeira, sobre todo, por veciños que apoiaban á xa ex alcaldesa, Áurea Domínguez, como xa fixeron na concentración de apoio do pasado domingo.
Non houbo sorpresas e os 5 concelleiros do PP (Luís Insua Lago, José Manuel Traba Fernández, Susana Rodríguez Nemiña, Manuel Canosa Trillo, Jenifer Suárez Silva) e o concelleiro de Alternativa dos Veciños, Francisco Martínez Traba, aprobaron a moción cos seus votos a favor, mentres que en contra se posicionaron os edís de AdV, PSOE e BNG, facendo que o voceiro do PP, Luís Insua sexa xa o novo alcalde fisterrán.
Aquí podedes ver o pleno completo da man de Steffen Pfeiffer:
Trala lectura realizada pola concelleira do BNG, Tareixa Fernández, dos escritos presentados polos dous grupos, comezou falando o xa novo alcalde fisterrán. Insua recoñeceu que presentar a moción “non foi unha decisión sinxela, foi moi meditada”, e lembrou que foron a forza máis votada en 2023, moi preto da maioría absoluta. Criticou os “2 anos de goberno de liortas e enfrontamentos” e defendeu que estamos ante un “cambio necesario”.
Ante un público aínda calado, tomou a palabra Áurea Domínguez que deixou clara “non hai motivo para esta moción, pero si hai un motivo claro para os asinantes, que non é outro que destituirme desoíndo ao pobo”. Pronto rompía o primeiro aplauso da sesión. Domínguez criticou ás “convenciencias” e os “intereses espúreos” de PP e do edil “discolo”, para levar adiante esta “moción de censura que se presenta contra o traballo sen descanso”.
Defendeu a súa xestión, e recordou as cifras de investimentos e de execución destes dous anos de goberno, e se preguntou se “iso é a inoperatividade” da que acusa o PP. Fóra do papel, non quixo rematar sen aludir á “esa Xunta de Galicia que debería representar a todos os galegos, e fixo moitos desprezos institucionais a min e ao Concello de Fisterra”.
A que foi a primeira alcaldesa da historia de Fisterra, “que non se deixou vencer nin manipular”, lanzou as súas palabras lanzando unha homenaxe” ás mullerres fisterrás”, a eses “faros femininos” da vila do Cristo. O auditorio rompeu nun longo aplauso.
Falou tamén o edil Francisco Lestón que deixou claro que “a moción de censura pode ser legal , pero non moral nin lexítima”, e instou á veciñanza a dar conta do apoio nas vindeiras eleccións municipais.
Tamén arrincou varios aplausos o voceiro e ex alcalde socialista Jose Marcote, que igual que a voceira do BNG, Tareixa Fernández, amosouse rotundamente en contra da moción. Simplemente “non sen dan as circunstancias sociais, políticas ou económicas” para facer esta moción, defendeu.
Finalmente realizouse, sen sopresas a votación, e tras unha pequena disputa sobre quen entregaba o bastón de mando, e ante o murmullo na sala, foi finalmente a edil popular Jenifer Suárez a que entregou o bastón ao novo rexedor Luís Insua, ante o aplauso do sector popular, que tamén se deixou sentir na sala.
Quedará pendente saber como se estruturará o novo goberno popular, se o edil non adscrito entra no goberno así como cales son os “compromisos” que o PP acordou co edil.
Antecedentes
Veñen de lonxe os rumores desta moción que se aprobou hoxe no pleno fisterrán. Área Domínguez chegaba á alcaldía tras presentar unha candidatura con Alternativa dos Veciños poucos meses antes das Eleccións Municipais de 2023. Ante a sorpresa de todos conseguía 3 concelleiros, superando PSOE (2 edís) e BNG (1 edil), pero contando co seu apoio na investidura para evitar así o goberno popular.
Domínguez levaba dous anos de goberno complicado, sen maiorías, e perdendo o apoio dun dos seus edís, Francisco Martínez Traba “Tito”, pai do asesor, Juanfran Traba, que lle axudou a chegar á alcaldía. As disputas entre a rexedora e o edil foron continuas e mesmo chegaron aos xulgados, estando pendentes unha denuncia de Traba a Dominguez por unha suposta malversación de fondos, e outra de Domínguez a Traba ante a APLU por unha posible ilegalidade urbanística.
Si que ficou ao seu carón o outro edil, Manuel Lestón, e foi sacando proxectos con moita negociación e algúns apoios dos PSOE e BNG. Con todo, grandes proxectos como a estación de bus, o centro de saúde, ou os propios orzamentos, non conseguiron saír adiante.
A pesar das dúbidas ao longo destes últimos meses da provincial do partido, estas pasadas semanas dende Oleiros, o presidente de Alternativa, Ángel García Seoane, confirmaba o seu apoio á rexedora e a expulsión de Traba do partido, despois de coñecer a moción de censura. Moi crítico amosouse o alcalde de Oleiros, chegando a chamar “gorrinos” aos políticos do PP.
Máis novas da moción
Áurea Domínguez O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura: "O PP nestes dous anos non fixo nin a primeira crítica" Luís Insua (PP de Fisterra): “A moción de censura é necesaria porque é un goberno que funciona a través do marketing e a improvisacion” Alternativa: “A moción baséase no espíritu da vinganza dun edil tránsfuga" Áurea Domínguez, nova alcaldesa de Fisterra