Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“É a primeira vez en Galicia que se agrupan nunha soa aula tod@s @s nen@s dos 6 cursos Primaria”

  • A ANPA lanza unha campaña de colleita de sinaturas, e consegue unha reunión co Xefe Territorial de Educación
Contra os recortes no Ensino Publico do Rural-Areouta
Xa se empezan a ver pancartas polas fachadas de Sardiñeiro contra os recortes no ensino público
“É a primeira vez en Galicia que se agrupan nunha soa aula tod@s @s nen@s dos 6 cursos Primaria”

A Comunidade escolar do CEIP Areouta continua presionando á Xunta para evitar un recorte histórico en Galicia. A mobilización deste pasado luns provocou un auténtico sentimento de pobo unido na vila de Sardiñeiro.

Pero queda moito por facer para evitar que o centro fisterrán sexa o primeiro de Galicia en ter unha soa aula para toda Primaria, o que supón que 18 nenos e nenas (eran 17 pero sumouse unha matrícula a última hora) de entre 6 e 12 anos compartirán aula e profesor. “Estar con 9 nen@s de 3 cursos aínda se podía manexar, pero un profe con 18 nenos de 1º a 6º non é abarcable”, explica o ata agora Director, Luís Vázquez, que terá que recuperar a súa praza no CEIP de Fisterra tras 15 anos en comisión de servizo no centro veciño. Patri é outra das mestras que terá que deixar o centro, quedando Luís Matías coidando, coa axuda de algún mestre compartido para as especialidades, das 18 criaturas.

”É unha auténtica falcatruada, non hai nada que se xustifique esta decisión política unilateral. Non se entende dende o punto de vista pedagóxico nin organizativo, e ata podería dicir que se trata dunha teima persoal do Xefe Territorial da Coruña”, denuncia Alfonso Varela, de CIG Ensino, que confirma que será a primeira vez que se toma unha decisión así na historia do ensino en Galicia tras consultar co resto de seccións provinciais.

O sindicato, que está volcado nas reivindicacións, lembra que en 2009, as forzas sindicais conseguiron asinar co goberno bipartito unhas cifras moi alonxadas das que a actual Consellería pon como único argumento. Se a día de hoxe o regulamento da Xunta do PP pon o límite en 18 matrículas a partir das cales se pode realizar o agrupamento en toda Primaria (a Xunta non contabiliza a última matrícula por estar fóra de prazo), o acordo de hai 12 anos puña o máximo de 10 alumnos para agrupar toda a etapa de Primaria (14 no mesmo ciclo).

Contra os recortes no CEIP de Sarineiro 2

Estratexia de recortes cara o peche

O proceso no Colexio de Sardiñeiro vén de hai uns anos, seguindo unha estratexia ben formulada para acabar pechando centros no rural. Varela lembra que nos CEIP, en función do número de unidades teñen establecido un número de profesores en función das especialidades. “No cole de Sardiñeiro, de catálogo hai moitos anos que só teñen dúas unidades en Primaria pero eles levaban anos, a base de esforzo do profesorado, facendo 3 unidades. Pero hai 4 anos a Xefatura Provincial obrigoulle compartir un profe de música con outros centros pequenos, o que significou que non se puideran manter as 3 unidades, provocando que houbese familias que levasen o cole de Corcubión”.

Esa é a estratexia, “ir pegando sablazos, provocando que as familias marchen, e despois pechar o centro, exactamente como está pasando en Mazaricos”, onde xa se procedeu ao peche dun dos dous centros, sinala.

Contra os recortes no CEIP de Sarineiro

Novas reunións

A ANPA Arco da Vella e o Concello manterán este vindeiro martes ás 9:00h unha xuntanza na Coruña co inspector xefe de educación.

Paralelamente a CIG levou o caso á Mesa Sectorial do martes e volverá facelo na do vindeiro luns, na reunión coa Xunta para a renovación de vacantes.

De xeito semellante, o BNG, a iniciativa dos deputados e deputada Daniel Pérez López, Mercedes Queixas Zas e Manuel Lourenzo Sobral, presentaron unha Proposición non de lei para o seu debate en Pleno para “instar á Xunta de Galiza a tomar en consideración o tempo excepcional que estamos a vivir do punto de vista sanitario, así coma a idoneidade pedagóxica”.

Campaña de sinaturas

Dende a ANPA veñen ademais de lanzar unha campaña de sinaturas en Change.org para parar este recorte do ensino público no rural.

 

Novas relacionadas

Comentarios