Veciños de Fisterra denuncian o caso da fibra óptica que está pero que non chega
Temos analizado pormenorizadamente a casuística xerada arredor da fibra óptica na comarca, antes e despois da pandemia. Pero faltábanos por atopar un caso como o que están a sufrir varios veciños de Fisterra.
O Plan de Banda Larga da Xunta, e o plan do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Digital), obriga a ir tecendo unha rede de fibra óptica por todo o rural galego. Un Plan que avanza paseniño, pero que avanza. Así, o pasado mes de maio de 2020 procedíase á instalación dos equipos de fibra óptica, por parte da empresa Lynthia, na zona da Travesía Castealo.
Unha gran nova, pensaron moitos veciños da comarca, ansiosos, sobre todo cando chegou a pandemia, de ter unha conexión rápida e estable para teletraballar, facer videoreunións con familiares, xogar en rede…
Nada máis lonxe da realidade. Tras un ano de intentos, “non nos foi nin é posible contratar o servizo de fibra óptica con ningunha empresa de telefonía, porque segundo nos informan que nesa dirección non hai cobertura”, explica Fernando Carrillo, presidente da Asociación de Veciños Costa da Morte.
”Temos colocado o cableado e a caixa de conexións desde fai tanto tempo por parte da empresa instaladora, pero esta resulta ser unha "caixa pantasma", da que ninguén sabe da súa existencia”, lamenta protestando despois de moito tempo pensando que se cadra podería ser por algún problema propio.
A AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) explica que este tipo de actuacións son subvencionadas, polo que podería darse o caso de que “as empresas instaladoras colocan os equipos para obter, presuntamente, a subvención, pero logo non se dan de alta ou isto realízase de forma totalmente anárquica, polo que non ten utilidade práctica algunha e transfórmase nunha burla aos veciños para os que a fibra óptica hoxe é imprescindible para o teletraballo ou, simplemente, gozar dun servizo de INTERNET de calidade”.