mércores. 30.04.2025
El tiempo

2ª Galicia: Xornada accidentada

2ª Galicia: Xornada accidentada
Lucas e Yerai sobre o céspede do Cairo. Foto: www.diariodeportivo.gal O Corme segue con paso firme logo de vencer a un dos seus perseguidores como é o Volantes de Baño nunha accidentada xornada na que Adrián Alcaina sufriu a fractura do peroné da súa perna esquerda no partido que rematou coa goleada do seu equipo ante un Buño que se presentou con 10 xogadores en Arliña, e na que Andrés do Ameixenda sufriu un forte esguince de nocello que pintaba moi mal, no duelo de necesitados entre os ceenses e un Monte Louro que colle un pouco de aire logo da vitoria no Sampaio dos Refoxos. O Mazaricos superou pola mínima a un sempre guerrilleiro Cerqueda que fixo méritos para sacar algo positivo, mentres que o Ponteceso goleou ao San Lorenzo para seguir coa súa particular persecución aos dous primeiros clasificados. O Baíñas tampouco non lle deu opción ao Cee, o Malpica adicoulle a vitoria en Muros a un Brais Lado que acaba de perder a súa nai e, o Lira e o Sporting Zas firmaron táboas nun encontro vistoso e aberto.

CD Baíñas 3 – 0 UC Cee

  • CD Baíñas: Paulo, Ramón (Rodri m.49), Luis, Mayor, Esteban Canosa, Pablo Muíño, Felipe, Javi, Oreiro, Toño e Capote.
  • UC Cee: Maikel (Anxo m.46), Jorge (Fran m.71), Pablo, Aitor, Carlos Leis, Esteban Sendón, Brais (Patera m.46), Iván Figueroa, Chema, Martín, Leo (Javi m.65).
  • Goles: 1-0 m.13: En propia porta; 2-0 m.26: Felipe (p); 3-0 m.41: Pablo Muíño.
  • Expulsión: o adestrador ceense Rosky no minuto 27.
Unha boa primeira metade dun Baíñas que chegaba bastante lastrado polas baixas a este encontro fixo que lograse unha importante vitoria que o mantén na pomada da zona alta da clasficación. Un desafortunado gol en propia porta do Cee á saída dun córner poñía por diante a uns vimianceses que reforzaban a súa vantaxe cun gol de Felipe dende os once metros. Xa coa primeira metade tocando ao seu fin, Pablo Muíño sentenciaba co 3-0 que fixo que a segunda metade fose un mero trámite.

Muxía CF 6 – 0 Buño SCD

Muxía-Buño. Foto: Felipe Vilela
  • Muxía CF: Hugo Michael, Maikel, Brais, Reigia (Toja m.46), Pereira (Gora m.67), Isma (Víctor Alcaina m.65), Adrián Alcaina (Julián m.63), Congui, Manu Nogueira e Mauro.
  • Buño SCD: Brais, Brandón, Manoliño, Pablo, David, Jorge Calvete, Álex, Juan, Borja e Fran.
  • Goles: 1-0 m.45+1: Brais; 2-0 m.53: Isma; 3-0 m.65: Manu Nogueira; 4-0 m.69: Congui; 5-0 m.79: Gora; 6-0 m.91: Toja.
O Buño presentábase en terras muxianas con tan só dez xogadores pero os de Tito Pedreira lograron aguantar as embestidas dos locais ata o tempo de desconto deste primeiro tempo no que Brais adiantaba aos de Adrián Lema. Á volta dos vestiarios, Isma facía o 2-0 e poñía as cousas moi favorables ante un Buño ao que se lle ían acabando as forzas. No minuto 63, Adrián Alcaina víase obrigado a saír do terreo de xogo logo de sufrir a fractura do peroné tras unha entrada de Jorge Calvete. A continuación desta fatídica acción, os da vila da Barca irían aumentando a súa vantaxe ata o definitivo 6-0.

Corme CF 2 – 1 Volantes de Baño FC

Alejo e Santi disputando un balón no Corme-Volantes. Foto: www.diariodeportivo.gal
  • Corme CF: Suso, Jesús, Brais Andrade, Pandi, Eloy, Sueiro, Toniño (Alejandro m.90), Manu Bermúdez (Javi Peón m.76), Lucas, Adrián Doldán (Brais Torrado m.88) e Alejo.
  • Volantes de Baño FC: Javira, Yeray (Tiko m.67), Iván, Santi, Jano, Pardelo (Riki m.80), Raúl (Cajulo m.62), Thiago (Rachón m.80), Álex Pri, Pesco e Berto.
  • Goles: 1-0 m.16: Alejo; 1-1 m.21: Thiago; 2-1 m.46: Lucas.
Partido sen claro dominador entre dous conxuntos de gran entidade na Liga da Costa que ofreceron un partido máis intenso e disputado que vistoso. Logo das ocasións iniciais de Sueiro e Lucas por parte do Corme e de Berto pola do Volantes de Baño, Alejo non fallaría a súa cita co gol e adiantaría aos seus logo de fusilar a Javira. A intensidade defensiva de ambos equipos impoñíase aos ataques e aínda que Toniño tería unha boa oportunidade á contra, sería o muradán Thiago quen vería portería ao materializar unha boa acción colectiva para devolver as táboas ao marcador. Á media hora de partido, Suso despexaría con dificultades que un cabezazo de Jano adiantase aos visitantes para chegar ao descanso co empate a un no luminoso. No primeiro minuto da reanudación, un bonito gol de Lucas dende a frontal da área adiantaba aos cormeláns nun partido no que tamén habería unha acción para a polémica xa que Jano cortaría coa man un centro do propio Lucas, pero o árbitro non castigou esta acción cun penalti que non deixaba lugar a dúbidas e que lle puido dar a opción de matar o encontro aos da vila do Roncudo. A raíz desta xogada polémica, o Volantes de Baño tratou de sacar algo positivo da súa visita ao Cairo pero un Suso que estivo pletórico evitaría que Álex Pri e Berto, este último en dúas ocasións, visen portería e faría que o marcador non se movese para que os tres puntos quedasen na casa.

Ponteceso SD 3 – 0 SD San Lorenzo

Ponteceso-San Lorenzo. Foto: David Antelo
  • Ponteceso SD: Damián, Eloy Trigo, Moscoso, Matias, Puente (Juanma min.79), Dani Cotelo (Charro min.73) Alberto Recarey, Mendieta, Nando (Adrián Pose min.73), Luca, Iván Rodríguez (Eloy Álvarez min.69)
  • SD San Lorenzo: Rubén, Rudi, Luciano, Kuki (Álex Ures m.80), Diego, Mario, Brais, Yago, Juanjo (Pablo Garrido m.64), Styven (Fuentefría m.50) e Pablo Díaz.
  • Goles: 1-0 m.16: Luca; 2-0 m.52: Luca; 3-0 m.71: Eloy Álvarez.
O Ponteceso saltou ao terreo de xogo mostrando unha gran seriedade e sendo o dominador do balón. Recarey avisaría das intencións dos da vila de Pondal pero sería Luca quen poñería por diante aos seus. E co control dos locais e sen demasiadas oportunidades claras, chegaríase ao tempo de lecer. Na reanudación, o San Lorenzo contou con varias oportunidades á contra para acadar o empate pero os verdilleses non lograrían materializalas, mentres que os pontecesáns non fallarían nun centro de Recarey que remataría Luca ao fondo da rede. Mediada esta segunda parte, Eloy Álvarez faría o definitivo 3-0 ao aproveitar un erro defensivo dos visitantes para pechar un partido no que Matías tivo a última pero o gardameta do San Lorenzo faría unha boa intervención para evita o cuarto dos pondalianos nun encontro no que os de Mato mostraron unha gran efectividade de cara a gol e no que tivo máis control de balón do rival.

CD Muros 0 – 1 SCD Malpica

A SCD Malpica con Brais Lado
  • CD Muros: Xandre, Varo (Gabo m.70), Juachy, Yerai, Eloy, Xaco (Bruno m.76), Berni, Gabri (Suso Pata m.55), Xavi, Saúla e Dani.
  • SCD Malpica: Lamas, Mante, Andy (Belar m.85), Dimitri (Jorge m.58), Fuentes, Capelán, Aitor, Roberto (Migueliño m.55), Dani Casal, Gonzalo Vilariño (Marcos m.82) e Jairo.
  • Gol: 0-1 m.49: Dani Casal.
  • Expulsións: O adestrador muradán Bibi e o seu xogador Bruno nos minutos 94 e 95, respectivamente.
O Malpica afrontaba un partido complicado polo recente pasamento da nai de Brais Lado e os homes de Gurita que non chegaban no seu mellor momento, moralmente falando, querían adicarlle a vitoria ao seu compañeiro. Saíron con ganas ao terreo de xogo e dominaron o xogo e tamén as ocasións que non lograrían materializar. Pola súa banda, os homes de Bibi tamén terían dúas boas oportunidades para adiantarse pero non serían quenes de convertilas en gol. Na segunda parte, o Malpica deu un paso máis adiante e as ocasións sucederíanse para os visitantes. E nun deses achegamentos, Dani Casal cun bo lanzamento de falta faría o 0-1 que resultaría definitivo. Tras esto, os visitante seguirían levando a voz cantante, pero o Muros puido facer a igualada nun saque de esquina que rematarían fóra por pouco.

UD Cerqueda 0 – 1 Mazaricos CF

Dieguito e Estéfano disputan un balón no Cerqueda-Mazaricos. Foto: UD Cerqueda
  • UD Cerqueda: Diego Dourado, Javi Souto, Javi Pazos (Martín Castro m.72), Gonzalo (Míchel m.54), Manu Guillamet, Dieguito, Lorenzo (Marcos Pensado m.76), Ceide (Bastón m.89), Dani, Molinos (Julián m.89) e Martín Añón.
  • Mazaricos CF: Miguel, Cutu, Borja, Amoedo (Yago Dosil m.7)(Martín m.91), Mario (Chiki m.81), Piki, Estéfano, Alberto (Carreira m.50), Pereiro, Pose e Raúl.
  • Gol: 0-1 m.67: Yago Dosil.
O Cerqueda tratou de sorprender a un Mazaricos que lle custou moito meterse no partido e que viu como os de Raúl Periscal puideron adiantarse en dúas boas ocasións que sairían fóra por pouco. Segundo ía transcurrindo o partido, os de Amoedo foron espertando e Estéfano tamén contaría con dúas oportunidades que non lograría materializar. Antes do tempo de lecer, Pereiro evitaría sobre a mesma liña de gol que o seu excompañeiro Molinos puxese por diante aos seus. Tralo descanso, o entramado defensivo do Mazaricos fixo que un Cerqueda que non desistiu no seu empeño, fose quen de crear perigo e que ademáis se viu condicionado por un erro na saída de balón que se convertiría no 0-1, obra de Yago Dosil. Despois do gol mazaricán, as constantes interrupcións de xogo fixeron que o partido non tivese ritmo e que o Cerqueda non lograse achegarse con excesivo perigo a portería rival, polo que os tres puntos sería para o conxunto amarelo. [video width="640" height="304" mp4="/media/quepasanacosta/files/2019/01/14/Gol-de-Yago-Dosil-para-darlle-a-vitoria-ao-Mazaricos-ante-o-Cerqueda.mp4"][/video]

Lira CF 2 – 2 Sporting Zas

Lira-Sporting Zas
  • Lira CF: Baitir, Óscar, Cristian, Badara (Manuel m.66), Gabi da Anchoa (Josiño m.66), Óliver, Cristian Caamaño, Mbenge, Borja, Raúl (Deme m.83) e Toni.
  • Sporting Zas: Pereiras, Amado (miguel m.90), Josito, Manu, Juan (Lody m.66), Carra, Pablo Vidal (Tefi m.72), Fabi, Santi, Rubio e Dani Mato.
  • Goles: 0-1 m.6: Rubio; 1-1 m.24: Toni (p); 1-2 m.76: Rubio; 2-2 m.89: Toni.
Os primeiros minutos foron de dominio visitante e Rubio lograría adiantar aos zasenses e incluso puido aumentar a vantaxe dos seus nunha boa oportunidade que non logrou materializar. Mediada esta primeira metade, Toni devolvería as táboas ao marcador logo de transformar un penalti e xusto antes do descanso, Dani Mato estrelaría un balón no pau. Á volta dos vestiarios, o Lira dispuxo da posesión pero as mellores ocasións foron para o Sporting Zas por medio dun Rubio que marcou o seu segundo gol no minuto 73 e que puido facer algún máis se chega a estar acertado. Nos minutos finais, os locais meteron aos zasenses no seu campo e lograrían facer o definitivo empate a dous.

SD Ameixenda 0 – 1 UD Monte Louro

O ceense Andrés tendido sobre o terreo de xogo esperando pola ambulancia. Foto: Eduardo Olveira
  • SD Ameixenda: Bicho, Kamacho (Po m.67), Bruno, Samuel, Castrexe, Yago Costa (Bichiño m.66), Andrés (Saulo m.6), Susiño, Gabi, Tomás e Javichu.
  • UD Monte Louro: Isma (Iago m.46), Abel, David, Borja, Pablo (Ivi m.73), Yeray (Dani de Sahorta m.56), Iker, Sambade (Juan de Celia m.53), Geiko, Pesko (Adrián m.53) e Dani Corniños.
  • Gol: 0-1 m.77: Geiko (p).
Encontro marcado pola temperán lesión aos seis minutos de Andrés, a cal non tiña moi boa pinta e que tivo o xogo parado durante 40 minutos debido á espera da chegada da ambulancia, pero finalmente o xogador ceense “só sufre” un esguince moi grave de nocello. No partido en si, máis dominio do Monte Louro pero sen ocasións claras de ningún dos dous equipos, aínda que as chegadas dos visitantes levaban máis perigo. O segundo tempo seguía igual que o primeiro ata que a falta de vinte minutos, e seguramente motivado polo cansazo, rompeuse o encontro sucedéndose as chegadas ás dúas áreas. Puido marcar o Monte Louro no minuto 73 nunha contra que erraron a porta baleira cando xa se cantaba o gol. Tras isto, Castrexe e Saulo armaron unha boa xogada que desaproveitaron no último pase. E no minuto 77, chegou o penalti, innecesario pero penalti, co que Geiko faría o 0-1 que á postre resultaría definitivo. Intentou o empate o Ameixenda, e puideron conseguilo Kamacho e Saulo, como tamén tivo o Montelouro o 0-2. Ao final, vitoria xusta visitante aínda que o partido tiña pinta de empate a cero. Moi complicadas as poucas opcións do Ameixenda de manterse na categoría, pero non lle queda outra que intentalo mentres queden opcións.

Comentarios