Martes. 19.03.2024
El tiempo

3ª División: primeiro pinchazo do Bergantiños

3ª División: primeiro pinchazo do Bergantiños
Bergantiños-Laracha: 1-1 Empate no derbi bergantiñán, no que os goles e as mellores ocasións chegaron na segunda parte Bergantiños: Cristopher; Borja Facal, Aarón, Marcos Rodríguez (Marcos Caridad, m. 53), Baleato; Toni (Granada, m. 53), Diego, Jorge Sáez, Cañi (Ekedi, m. 66); Cano y Rivera. Laracha: Ricardo; Víctor, Boedo (David Jiménez, m. 83), Parga, Antonio; Kanoute, David García, Iago Novo; Iago Blanco (Javi Angeriz, m. 73), Sandá y Adrián (Nacho, m. 87). Goles: 0-1 (m. 46): Iago Blanco bate por alto a Cristopher desde fóra da área. 1-1 (m. 74): Diego, de cabeza. Árbitro: Jesús López, asistido por Tania Fente e Alejandro Vázquez. Amoestou a Cañi, Jorge Sáez e Ekedi; e a Kanoute e a Parga. Campo: As Eiroas, 450 espectadores. Partido da 5a xornada de liga no grupo I de Terceira División. Un remate de cabeza de Diego rescatou un empate para o Bergantiños no derbi contra o Laracha. Os de Figueira, que ata hoxe contaban os partidos por vitorias (o mellor arranque de sempre dos carballeses en Terceira), ven freada a súa racha, pero chegarán en segunda posición ao encontro contra o líder Compostela, o próximo domingo. O Laracha compareceu nas Eiroas sen complexos e nunca renunciou a marchar con todo o botín. Nun encontro atrancado, con apenas ocasións ata o descanso, os de Gilsanz foron de feito os que máis presencia tiveron na área rival, aínda que nunca con perigo. Resultou unha primeira metade moi táctica, típica de derbi, sen sutilezas e máis interrupcións que fío nos pases. O paso polos vestiarios sentoulle mellor ao Laracha, que enseguida se atopou co estupendo gol de Iago Blanco, unha parábola desde fóra da área que sorprendeu a Cristopher. Co gol o Laracha pareceu máis enteiro e non se conformou, pero o Bergantiños non é un equipo pusilánime: mantivo o tipo cando máis apertaba o rival, moveu o banco e, con máis casta que xogo, buscou o empate. Atopouno nun remate de cabeza de Diego, moito osíxeno para os locais, que a partir de aí foron mellores. Tivo o triunfo Ekedi no último alento, logo dunha cabalgada de Cano pola esquerda. O dianteiro camerunés adiantouse á súa marca par a medio metro de Ricardo e meteu a punteira, pero o remate marchou pegado ao pao.  

Comentarios