A Pipa: Un pouco de todo

15:46 22/01/19

Liga da Costa
Na Liga da Costa de Segunda Autonómica, non tivo piedade o Mazaricos do Lira, ao que endosou un rotundo 7-2, que deixa aos lirachos en posición de descenso e coloca aos amarelos novamente á fronte da clasificación e como equipo máis goleador con 55 goles materializados. Fallou no seu desprazamento a Buño o Corme, que se adiantou pronto no marcador, pero que viu como os locais, a base de moito traballo e empuxe, volteaban o marcador, empatando pouco antes do final da confrontación o once preparado por José Angel que cede o liderato ao Mazaricos. Sufriu, e de que xeito, o Muxía para sumar os tres puntos ante un Cee que xa na primeira volta empataba en Arliña. Ao final, un solitario tanto de Mauro mantén aos pupilos de Adrián Lema a catro puntos do liderato, e deixa ao Cee tres puntos por encima do descenso. Segue a súa boa marcha o Baiñas, que venceu no campo dun moi necesitado Monte Louro, onde os tantos de Pablo Muiño deron ao traste coas ilusións dos xogadores dirixidos por Oscar Leis, que se manteñen fóra do descenso directo, pero a un punto do mesmo, mentres que os de Vimianzo son quintos, a cinco puntos do segundo. Outro dos duelos importantes da xornada disputábase en Muros, onde o Volantes medía as súas forzas co Ponteceso, finalizando a contenda co mínimo triunfo local, que afianza aos muradáns na sexta praza e afasta aos pontecesáns da cabeza da clasificación. O derbi de Malpica finalizou co axustado triunfo do Cerqueda sobre o once local por 0-1, freando deste xeito a boa marcha das últimas xornadas dos locais, e afastándolles en catro puntos dun Cerqueda que sufriu moito pero soubo nadar e secar a roupa. San Lorenzo e Sporting Zas lograron senllos triunfos que lles afianzan na zona media da clasificación e afástanlles dos postos de inminente perigo, con sete e oito puntos sobre os postos de descenso ou arrastres. Os rojillos venceron a un Muros que segue buscando saír da zona baixa, cun 3-1 final, mentres que os zasences golearon ao farolillo vermello do grupo, Ameixenda, por 6-0. Na próxima xornada, gran encontro en Muxía, onde chega un Baiñas en alza e separados por dous puntos na clasificación xeral. O líder visita ao colista, con favoritismo claro do Mazaricos sobre o Ameixenda. Derbi en Ponteceso, onde os locais reciben a un necesitado Buño, e gran derbi en Muros, co choque entre os celestes e o Volantes de Baños, con obxectivos moi distintos na clasificación xeral. O Corme terá un complicado compromiso coa visita dun Cee que busca saír da zona baixa da clasificación. Dous duelos chaman poderosamente a atención pola zona media-baixa da clasificación, o Lira-Malpica e o Sporting Zas-Monte Louro, Partido igualado en Cerqueda, onde chega un San Lorenzo que se atopa tres puntos por baixo dos locais.3ª Galicia
O partido da xornada de Terceira disputábase na Rocheira, onde o líder, Coristanco, enfrontábase ao seu máis inmediato perseguidor, Cabana, e ao final dos noventa minutos, reparto de puntos cun tanto de penalti para cada conxunto e que mantén aos locais como líderes invictos con sete puntos e vantaxe sobre o segundo, agora o Castriz, que no outro choque da xornada non daba opción á sorpresa ao cuarto clasificado, Porteño, ao que derrotaba con contundencia en San Pedro por 4-0, o que practicamente deixa a loita polo segundo posto de ascenso pechada entre Castriz e Cabana, sempre que o Coristanco manteña o nivel e o ritmo que leva desde o principio da competición. Entra de cheo na zona de promoción o Camariñas, que desde a chegada e Berto ao seu banquiño suma de tres en tres, vencendo no Hermanas Patiño ao Seaia por 2-1, e apartando da sexta praza ao Castrelo, que era incapaz de superar en Vimianzo, tendo que remontar un adverso 0-2 aos 9 minutos de xogo, a un Corcubión que suma o seu quinto empate e quinto punto na clasificación, sendo o único equipo que aínda non gañou esta tempada, deixando o farolillo vermello en mans do As Baleas, superado con contundencia en Nantón polo once local que lle endosou un rotundo 7-0 ao final dos noventa minutos de xogo. A anécdota negativa da xornada a suspensión do Camelle-Laxe por mor da entrada dunha piara de xabaríns no Rodeiro que deixou impracticable o campo do Camelle, feito que se volveu a repetir na noite de onte e que deixou esnaquizada unha banda do campo, co prexuízo enorme para os locais e, da mesma xeito, para un Laxe que quere engancharse aos postos de promoción de ascenso. Na próxima xornada, Coristanco e Castriz visitarán os terreos das Baleas, o líder, e Laxe, no partido que máis chama a atención, polo menos a priori, os segundos. O Cabana recibe nas Redondas a un Camelle que parece quedar un tanto descolgado nesas opcións de promoción. Choque interesante en Ponte do Porto, onde o Porteño mídese a un Castrelo que saíu esta semana da zona de play-off logo dunha volta na mesma. O Camariñas rende visita ao Corcubión no Novo Cubaleiro e o Outes busca volver á senda dos triunfos no seu desprazamento a Malpica, para enfrontarse ao Seaia.Preferente
Mala xornada en Preferente para os equipos da zona, pois tanto Sofán como Xallas perderon nos seus compromisos e ambos en casa, ante Ribadeo e Atlético Arteixo, respectivamente. Os sofanistas foron sempre a remolque dun Ribadeo que se adiantou moi pronto e, pese a que o once local, con moi bo xogo, especialmente na primeira metade, chegou a colocar o 1-1 no marcador, dous tantos visitantes puxeron terra por medio, recortando distancias o conxunto preparado por Iván Cancela cerca do final, levando a emoción ao terreo de xogo, pero non conseguindo empatar. Na Fontenla, un solitario tanto do Atlético Arteixo fixo que os verdes perdesen ante os seus afeccionados por 0-1, malia que gozaron de varias oportunidades para lograr, cando menos, o empate, pero ao final o solitario tanto dos rojiblancos fai que estes superen na clasificación aos xalleiros, que se manteñen na zona media da táboa, aínda que a só dous puntos dos postos de arrastre de descenso, que ocupa o Negreira. Na próxima xornada, o Xallas buscará os tres puntos no campo dun Castro que ocupa praza de descenso directo, cun triunfo e catro empates, mentres que o Sofán renderá visita a todo un candidato ao ascenso como o é o Noia preparado por José Manuel Pose.Preferente
Perdeu o liderato o Fisterra en Padrón ante un Flavia que lle substitúe á fronte da clasificación. Os pupilos de Angel López Canosa, con dous goles encaixados no tramo final da contenda, a falta de quince minutos, viron como os locais facíanse cos tres puntos en xogo e deixan aos verdes e a segunda praza da clasificación, empatados co Sigüeiro e a dous puntos dos padroneses. O Baio, no derbi ante o Dumbría, vencía no Conco por 0-2, cun tanto en cada tempo, e referendando a gran campaña dos branquiazuis, que se manteñen na zona nobre da clasificación, aínda que a cinco puntos do pódium e a mesma. Gran triunfo da Esteirana por 0-1 no seu desprazamento a Cordeiro, onde os pupilos de Geno venceron e convenceron cun tanto de Samuel, que lles coloca empatados a puntos co Praiña e a dous puntos dos postos de salvación, algo que buscarán nas próximas xornadas, aproveitando a inercia dos triunfos que levan nestes dous encontros vencendo de xeito consecutivo. Paso adiante do Soneira para reafirmar a súa reacción na clasificación, cun sufrido e traballado triunfo sobre o Lalín, no Municipal de Vimianzo, colocándose na novena praza da táboa, con seis puntos sobre os postos de arrastre e oito sobre o descenso directo, e ven con maior tranquilidade a súa deambular na competición. Na próxima xornada, derbi costeiro en Fisterra, coa visita a Ara Solís do Soneira, que seguro levará moitos afeccionados ao recinto fisterrán, como é habitual de todas xeito pola magnífica traxectoria dos verdes. A Esteirana busca a súa terceira vitoria consecutiva no Xosé Luís Vara ante un Unión irregular. Complicado desprazamento do Dumbría a Sigüeiro, equipo que busca o ascenso a Preferente, mentres que o Baio quere seguir sumando superando no Pratas Reinoso ao Escravitude.- Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
