![Óscar Santos arbitro da Costa]()
Óscar Santos arbitrará o Muxía-Montelouro
A Liga da Costa vive esta fin de semana unha primeira sucesión de enfrontamentos
entre equipos xa candidatados ao ascenso de categoría, e
a Subdelegación do
Comité de Árbitros dispuxo as súas mellores galas para a ocasión.
Dos seis primeiros equipos clasificados, catro deles enfrontaranse en dous duelos
directos que servirán para comezar a calibrar as opcións de cadaquén.
No San Andrés, o líder Mazaricos visita a un Zas que comezou con forza e aposta a
recuperar a categoría perdida non hai moito. O encontro estará dirixido por Bruno
Méndez, colexiado de Terceira División.
E no Cairo, o Corme e o Baíñas, dous dos equipos que xa o ano pasado pugnaron
polos postos de ascenso e este ano volven a comezar arriba, dirimirán un bonito
duelo coa dirección de Pablo Rama, árbitro de Preferente Galicia.
O Ponteceso, agora mesmo segundo clasificado, parte como favorito no seu duelo
contra o Cee (Daniel Martínez), entanto o Muxía (4º) e o Monte Louro (7º) dirimirán
un encontro de alternativas (Óscar Santos).
E se hai duelos por arriba, tamén por abaixo. Particularmente dramático se
presenta xa o encontro entre Lira e San Lorenzo (Óscar Rey), dous conxuntos que
aínda non coñecen a vitoria nesta temporada.
O fútbol costeiro, ao asalto da Liga Galega Xuvenil
Os dous equipos costeiros presentes na Liga Galega Xuvenil, Bergantiños e
Dumbría, están a ter un arrinque de campaña espectacular e, neste xornada,
ambos disputan os seus encontros na casa e poden rematar a fin de semana como
líderes.
Abre a xornada o Dumbría (5º), quen recibe no Conco, o sábado, ás 12 da mañá,
ao Compostela (2º, con só un punto máis). Encontro por todo o alto que estará
dirixido por Bruno Méndez, asistido por Daniel Martínez e Breogán Rey.
E á mesma hora, pero na xornada dominical, o Bergantiños (4º) recibe nas Eiroas a
un Arteixo que só suma un punto, na que polo tanto debería ser unha xornada
propicia para seguir sumando e pugnando polo liderado. A dirección do encontro
corresponderá a David Castreje, asistido por Lucas Vicente e Breogán Rey.
Dobre visita do Deportivo
O sábado á tardiña o campo carballés das Eiroas recibirá unha dobre visita do fútbol
base do Deportivo da Coruña, que confrontará cos equipos de base do Bergantiños
en Liga Galega Cadete (Pablo Rama, Carlos Señarís e Lucas Vicente) e en Liga
Galega Infantil (David Vázquez, David Cancela e Fabián Rey), ambos encontros ás
19.30 horas en cada un dos dous campos do complexo deportivo da capital
bergantiñá.
Camiño de Barbadás
Tamén haberá árbitros costeiros na diáspora, xa que Rubén Reborido (acompañado
por Denís Añón e Juan Marcos Ríos) viaxará á provincia de Ourense para dirixir o
derbi ourensán entre Barbadás e Antela.
Pola contra, os colexiados de Primeira Galicia non terán que viaxar esta xornada.
David Vázquez Lema dirixirá o Fisterra-Unión (auxiliado por Manuel Espasandín e
Sebastián Pérez) e David Castreje o Soneira-Tordoia (Rai Reborido-Lucas Vicente).
Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.