Venres. 26.04.2024
El tiempo

Dumbría e Baio foron os únicos triunfadores dunha xornada histórica

O equipo de QPCtv no Cairo
O equipo de QPCtv no Cairo
Dumbría e Baio foron os únicos triunfadores dunha xornada histórica

Histórica xornada a que vimos de vivir esta fin de semana co nacemento de QPC tv, que retransmitiu en directo para centos de persoas o Corme - Soneira dende o Cairo. Histórica tamén porque supuxo o retorno da 1ª Galicia despois de case vinte meses parada debido á pandemia. Toda a información a tivestedes na retransmisión, no noso carrusel, e mañá, nas crónicas completas.

Unha categoría que viu como dous dos seus favoritos, como repasamos na guía, xa lograron meterse na cabeza da clasificación. Falamos de Dumbría, que venceu o sábado, no partido que abría a tempada oficial, ao Volantes de Baño (2-5), e do Negreira, que foi un óso demasiado duro de roer para un Ponteceso que volvía a 1ª con moitas baixas (0-5). Ademais, no derbi televisado, Corme e Soneira firmaron táboas (1-1) nun encontro no que non faltaron ocasións e no que ambos puideron levar os tres puntos. O Baio gañou no Platas Reinoso ao Belvís (2-0) e o Mazaricos caeu pola mínima ante o Tordoia (1-0), un equipo moi consolidado xa na categoría.

Nas categorías máis altas, Sofán, Fisterra e Xallas caeron derrotados. Na 3ª RFEF, os de Alberto Rodríguez continúan nesa mala xeira de resultados e suman xa a súa cuarta derrota consecutiva. Esta vez foi ante o Ourense CF, un dos grandes da división, que se impuxo no Carral cunha goleada que redondeu nos minutos finais (1-4). Pola súa banda, en preferente, a SD Fisterra sufriu o seu primeiro gol en contra e a súa primeira caida da tempada no campo do Reboredo ante O Pino (1-0), un equipo moi compacto que fixo sentir moi incómodos aos de Purrúa dende o comezo. E o Xallas, que viña de gañar entre semana, non puido cun Boiro (0-4) que hoxe si firmou a súa carta de presentación para esta tempada.

Por último, o Bergantiños feminino aplastou ao Tordoia (6-1) e continúa co seu comezo inmellorable. Xa no terreo polideportivo, outras dúas derrotas para pechar unha fin de semana nada boa en canto a resultados. O Fisober caeu nos últimos intres do encontro ante o Meigas (2-3), mentres que o Voley Dumbría viuse claramente superado ante un trasatlántico como o Téxtil Santanderina (0-3) nun encontro que significou o retorno de Unai Larrañaga ao Conco.

Comentarios