Martes. 19.03.2024
El tiempo

Basti e Rivi analizan o derbi costeiro entre o Soneira SD e o CF Dumbría

Basti e Rivi no CF Dumbría-Soneira do Conco da pasada tempada. Foto: www.diariodeportivo.gal
Basti e Rivi no CF Dumbría-Soneira do Conco da pasada tempada. Foto: www.diariodeportivo.gal
Basti e Rivi analizan o derbi costeiro entre o Soneira SD e o CF Dumbría

Vai de derbis este inicio de tempada no Grupo 2 da Primeira Galicia e se a pasada xornada, o Platas Reinoso acollía un CD Baio – Soneira SD, esta fin de semana o conxunto vimiancés volverá a ter un partido de máxima rivalidade costeira, desta volta ante o Dumbría nun encontro no que se enfrontarán dous equipos que comezaron o campionato ligueiro cunha vitoria nos seus respectivos envites.

Agora, ámbolos dous clubes tratarán de seguir sumando de tres en tres nun partido que analizan Basti De La Sierra e Rivi co equipo de deportes de QPC.

Os protagonistas

Basti De La Sierra, xogador do Soneira SD

Basti no CF Dumbría-Soneira SD Tempada 18-19

QPC: Como estades levando esta nova tempada, de novo da man de Pedro Gómez no banquiño?

B: A verdade é que aínda estamos comezando pero as sensacións son boas. Estamos ilusionados e con ganas de facelo ben, con confianza e indo domingo a domingo.

QPC: Que sensacións tendes no vestiario despois de comezar a liga gañando ante o Baio?

B: Sabíamos que era un bo partido para empezar gañando, sobre todo, despois dunha tempada algo irregular en canto a resultados por ausencias e lesións. Por sorte, conseguimos recuperar a case toda a xente e comezar da mellor maneira.

QPC: Como afrontades o derbi do vindeiro domingo ante o Dumbría?

B: Sempre é un partido especial e bonito de xogar, xa é un clásico da costa. Pero afrontámolo coma todos os domingos, coa intención de gañar, xogar ben e facernos fortes na casa.

QPC: Que agardades do conxunto dumbriés neste encontro de máxima rivalidade?

B: Paréceme un equipo moi completo, con xente que pode desequilibrar en calquera momento. Sairán motivados coma nós, polo que seguro será un partido de agrado para a xente que se acerque a velo.

QPC: Atréveste a prognosticar un resultado?

B: Non son moito de prognosticar un resultado, pero se me teño que decantar fareino por un 1-0.

Sergio Cambeiro “Rivi”, xogador do CF Dumbría

Rivi (CF Dumbría)

QPC: Como estades levando esta nova etapa da man dun home da casa no banquiño, como é Pablo Conde?

R: Lévase moi ben. O equipo cambiou moi pouco este ano, así que como case todos o coñecíamos, e el tamén a nós, foi unha vantaxe á hora de adaptarnos. Para min, foi un acerto da directiva.

QPC: Que sensacións tendes no vestiario despois de comezar a liga gañando ante o Cordeiro?

R: A sensación é moi boa no sentido de conseguir os tres puntos a pesar de quedar cun menos ao principio da segunda parte e co partido empatado. Pero en canto ao xogo, o Cordeiro foi un rival que nos incomodou moito, así que nese sentido esperamos mellorar pouco a pouco para sentirnos o mellor posible no campo.

QPC: Como afrontades o derbi do vindeiro domingo ante o Soneira?

R: O derbi con moitas ganas como sempre. Para min son os partidos máis bonitos do ano e son nos que máis gusta levar os tres puntos, así que as ganas non van a faltar. A pena son as baixas que temos, pero esperamos que se noten o menos posible aínda que sexan xogadores moi importantes no equipo.

QPC: Que agardades do conxunto vimiancés neste encontro de máxima rivalidade?

R: Agardamos un equipo moi intenso na presión e moi perigoso en ataque. Xa sabíamos que se reforzaran moi ben pero ademáis o domingo puidemos ir varios xogadores do Dumbría a ver a segunda parte do seu partido contra o Baio e polo visto no campo parece que vai ser un dos equipos de arriba esta temporada.

QPC: Atréveste a prognosticar un resultado?

R: E claro que me atrevo, son moi bos e teñen moi bo equipo pero o meu prognóstico é un 1-2.

Comentarios