Martes. 19.03.2024
El tiempo

Christian Caamaño e Iván Bouzón analizan ao detalle o derbi verde da Preferente

Christian e Bouzón, os protagonistas da nosa previa do Xallas-Fisterra. Fotos: David Castro.
Christian e Bouzón, os protagonistas da nosa previa do Xallas-Fisterra. Fotos: David Castro.
Christian Caamaño e Iván Bouzón analizan ao detalle o derbi verde da Preferente

Esta fin de semana, Fontenla acollerá un novo derbi costeiro, un partido de rivalidade entre os dous conxuntos verdes da Costa da Morte que hai na Preferente Galicia, os cales chegan con traxectorias totalmente antagónicas.

Pola súa banda, o Fisterra está asentado na zona alta da clasificación a pesares de ser un recén ascendido, e ilusiona aos seus con facer algo importante na categoría.

Mentres tanto, a un renovadísimo Xallas non o están acompañando os resultados pero aínda así, os de Santa Comba están competindo ben en case todos os encontros, polo que os puntos seguro que acabarán chegando.

Para analizar a traxectoria e este derbi costeiro, dende QPC quixemos falar con dúas voces autorizadas dentro de cada un dos vestiarios como son Christian Caamaño do Xallas FC e Iván Bouzón da SD Fisterra.

Os protagonistas

Christian Caamaño, xogador do Xallas FC

Christian Caamaño (Xallas FC)

QPC: Cales son as diferenzas máis notables entre este Xallas e o da pasada tempada?

C.C.: A principal diferenza é que a maioría do equipo é novo. A pesares das dificultades que sufrimos na tempada anterior, o equipo era na súa maioría o da campaña previa. Isto a nivel de xogo permite que coñezas aos compañeiros e non teñas que comezar de cero.

QPC: Dende que comezastedes a pretempada, érades conscientes de que o ía ser un ano difícil. Cales que cres que son as claves para lograr o obxectivo, o cal non é outro que a permanencia?

C.C.: Dende o meu punto de vista, a clave é ser un equipo sólido, intentar que ao rival lle custe marcar e, a partires de aí, intentar sumar. Está claro que competimos contra equipos coma Sofán ou Puebla, pero por exemplo contra os primeiros non fomos quen de pechar a nosa portería e iso custa puntos. Temos que seguir traballando porque só a constancia e o traballo nos pode levar a cumprir o obxectivo.

QPC: Que valoración che merece o inicio de tempada que fixestedes nesta Preferente Galicia?

C.C.: Foi un inicio complicado por isto que estabamos falando, moita xente nova e un equipo que se fai dende cero. A pesares de estar competindo ben, os resultados non son os esperados polo que a valoración non pode ser positiva. Temos que recuperar xente importante que se atopa lesionada coma Doro, Julián ou Camilo e seguir mantendo unha boa liña de traballo.

QPC: Esta fin de semana, enfrontaredesvos a un Fisterra embalado e que non se pecha as portas a nada para esta tempada. Que agardades do conxunto da fin da Terra para este derbi costeiro da sexta xornada?

C.C.: Sabemos que vai ser un partido duro, pero dos que gustan xogar. Eles reforzáronse moi ben, sobre todo na liña ofensiva, polo que sabemos que calquera erro pode ser un gol. Ademáis, enfrontámonos a ex-compañeiros coma Julián López, Aarón ou Pablo Vigo polo que o partido será moi bonito.

QPC: Que prognóstico darías para o vindeiro domingo?

C.C.: O prognóstico únese co desexo e espero que 1-0!

Iván Bouzón, porteiro da SD Fisterra

Iván Bouzón (SD Fisterra)

QPC: Cales son as diferenzas máis notables entre este Fisterra e o da pasada tempada?

I.B.: As diferenzas son que hai menos xente de Fisterra, do pueblo coma o ano pasado, pero tamén gañamos en experiencia e calidade, e para unha categoría como a Preferente, iso necesítase.

QPC: A pesares de ser un recén ascendido, os reforzos que fixestedes para esta tempada, fan que moitos dos coñecedores da liga vos poñan como un dos equipos a ter en conta na parte alta. Como levades esa “presión” dende dentro do vestiario?

I.B.: Presión, eu creo que non temos. Só intentamos facer un bo partido para sacar os tres puntos e intentar sumar, e por agora non nos están saíndo tan mal as cousas.

QPC: Que valoración che merece o inicio de tempada que fixestedes nesta Preferente Galicia?

I.B.: Comezamos dubidosos pero isto só está comezando e é moi largo pero estamos a sacar bos resultados.

QPC: Esta fin de semana, enfrontaredesvos a un Xallas que non está no seu mellor momento. Que agardades do conxunto de Santa Comba para este derbi costeiro da sexta xornada?

I.B.: Nun derbi nunca se sabe o que pode acontecer por moi mal que vaian os resultados duns ou por moi bos que sexan doutros, así que sairán con todo e máis contra nós que contamos con xente que xa estivo nese equipo.

QPC: Que prognóstico darías para o vindeiro domingo?

I.B.: Como diría Pablo Vigo, portería a cero, así que cun 0-1 chegaría. Pero mellor sería un 0-2 para non chegar ao final do partido con medo do empate.

Comentarios