Xoves. 30.05.2024
El tiempo

“A proposta da Copa da Costa feminina é unha chambonada”

  • Os equipos costeiros critican as datas propostas para a celebración da competición e denuncian que o “fútbol feminino non interesa”.
  • A RFGF organiza este sábado, día 20 de abril, no Auditorio do Concello de Zas, o sorteo.
     
Imaxe dunha final da Copa da Costa Feminina entre Bergantinos e Noia
Imaxe da final da II Copa da Costa Feminina disputada entre Bergantiños e Noia
“A proposta da Copa da Costa feminina é unha chambonada”

Enviaba esta semana a Real Federación Galega de Fútbol a circular sobre a celebración da IV Copa da costa Feminina 2024. Coa Copa masculina xa formulada dende outubro (e de feito, devaluada en parte pola celebración de varias eliminatorias a finais 2023), a Federación acaba de mandar a estas alturas de abril unha proposta, “non defintiva”, coas datas para disputar unha Copa exprés.

A pesar de levar varias fins de semana de descanso no que levamos de ano pola Selección Galega (a pesar de que non se mira para a 3ª Autonómica da Costa para nada e non hai nin unha soa convocada), a Federación propón, agora a mediados de abril, disputar a Copa nun mes, coincidindo ademais coa disputa do título de Liga e do pase á promoción.

”Non ten sentido que nos teñamos que xogar dous partidos de Liga e dous de Copa nunha semana”, sinalan algúns dos adestradores do FUTFEM costeiro, que non comprenden como se poden disputar 4 partidos decisivos nunha semana.

I é que segundo o calendario proposto pola Federación, nunha semana, a do 12 ao 19 de maio, os clubs costeiros disputarán 4 partidos:

  • O domingo 12 de maio, penúltima xornada de Liga con ese Dumbría-Corme que pode ser definitivo;
  • O martes 14, Cuartos de Final da Copa (curioso que a Federación propón a data do 12 indicando que se os equipos implicados teñen liga se traslade ao 14, como se non soubesen que o 14 puxeron eles mesmos a xornada…). Trátase ademais dun día laborable, cos problemas que lle pode carrexar aos equipos para xuntar rapazas que estudan fóra, traballan…
  • O venres 17 de maio, día festivo, semifinais da Copa da Costa.
  • O domingo 19 de maio, última xornada da Liga da Costa, se cadra co título aínda en xogo.

Este calendario, entenden os equipos costeiros, que obrigará aos implicados na zona alta da liga a desbotar unha das competicións.

”Tarde, mal e arrastro”, unha “chambonada” son algunhas das frases que emiten, dende o anonimato, os adestradores do fútbol feminino costeiro ante esta proposta, todos destacando que a causa é que “o fútbol feminino non interesa”.

16 equipos

Este ano, gracias á revolución do FUTFEM, serán 16 equipos os que participen. Por fin a Federación decidiuse a sacar da competición ao Bergantiños (aínda que inclúe o Bergan B, que si xoga na Liga da Costa), xa competindo noutras categorías e sendo xa campión sobrado das 3 primeiras edicións. “Agora nolo intentan vender pero é simplemente o que tiñan que facer. Cando os alevíns do Bergan xoguen en Arliña ou nas Redondas, serán benvidos ás competicións da Costa”, sinalan dende a comarca.

Así, este ano tampouco xogarán o Nicrariense ou no Noia, invitados o ano pasado sorprendentemente, e si que o fará o Sporting Seaia, que este ano xoga no F7. Non faltarán os Xallas, Cee e As Miúdas de 2ª Galicia; nin os 12 equipos costeiros da 3ª: Corcubión, Dumbría, Mazaricos, Corme, Muxía, Cerqueda, Camariñas, Cabana, Outes, Bergan B, Ponteceso e Fisterra.

Comentarios