Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Coruña acollerá a Gala de Presentación do Primeiro Álbum de Cromos do FutFem Galego

Gala Presentacion Album Futfem
A Coruña acollerá a Gala de Presentación do Primeiro Álbum de Cromos do FutFem Galego

Este martes 21 de decembro de 2021, a partir das 20:00h, o Centro Ágora (Coruña) acolle a Gala de Presentación do Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego. Unha iniciativa pioneira tanto a nivel galego como a nivel estatal, desenvolta por este diario e a empresa especializada Sportcrom, coa colaboración da xornalista Rocío Candal.

Un álbum que convertirá en estrelas a máis de 600 xogadoras galegas que compiten na Liga Reto Iberdrola, na 1ª Nacional e na 1ª Galega, ademais dos equipos do Fútbol da Costa da 2ª Galega. 
Un xeito inmellorable de apoiar a revolución do fútbol feminino a nivel mundial, fomentar a igualdade no deporte, e comezar a crear espellos femininos nos que as pequenas afeccionadas ao mundo do fútbol de toda Galicia poidan fixarse.

Para iso, contamos por exemplo coa imaxe de Vero Boquete, unha das mellores xogadoras do fútbol mundial, actualmente no AC Milán, que é protagonista da portada. 
Ademais, o álbum conta cun apartado especial para as estrelas galegas que xogan en equipos da Liga Iberdrola ou en Ligas Internacionais.
E como non podía ser doutro xeito, as árbitras tamén teñen o seu espazo neste pioneiro proxecto


A Gala será unha viaxe temporal pola historia do Fútbol Feminino coruñés, para o que contaremos cunha mesa redonda na que participará Lis Franco, histórica xogadora do Club Karbo, e a carballesa e traballadora municipal do Concello de Malpica María Varela Bardanca, outra lenda do fútbol sala galego no Sal Lence. Nunha mesa redonda moderada por Rocío Candal na que tamén estarán a Concelleira de Deportes do Concello da Coruña, a zaseira Mónica Martínez, e a Deputada de Igualdade e Normalización da Deputación da Coruña, María Muíño.

Trala actuación da humorista corcubionesa Marta Doviro, que nos deleiterá con algunhas das súas fotboleiras “Historias da Costa”, Rocío Candal moderará a segunda mesa-debate, xa enfocada ao fútbol actual, coa presencia de xogadoras e adestradoras dos equipos herculinos.

Ao remate, as xogadoras protagonistas recibirán o seu álbum e poderán facerse cos primeiros sobres de cromos.

O proxecto conta coa colaboración de entidades como a Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Coruña, o Concello de Carballo, o Concello de Mazaricos, o Concello de Malpica, o Concello de Santa Comba, a Real Federación Galega de Fútbol; ou de empresas como Productos Cárnicos Domínguez, Saunier Duval, Artio, Centro Comercial Finisterrae, Oe+, Estación de Servio Bazarra, O Semáforo de Fisterra e o Hotel Faro de Lariño.

Máis información

Comentarios