A Esteirana álzase co título de campión da Liga da Costa
Campión da Liga da Costa e novo equipo da 1ª Galicia. A Esteirana non fallou no último matchball, e vencía nas Redondas a un aguerrido Cabana que mesmo se colocaba por diante ao comezo do partido. Remontou o equipo de Geno cos tantos de Code, Raúl, Pablo Rama e Álex Rama e acabou gañando con solvencia sen necesidade de mirar de esguello o que pasaba na Rocheira, onde o Muxía finiquitaba unha racha histórica de 14 vitorias consecutivas que non lle valen para ascender, o que dá conta do temporadón de ambos conxuntos.
A temporada da Esteirana é para enmarcar, con 19 vitorias, 2 empates e 1 derrota, amosando durante gran parte do campionato unha superioridade manifesta.
Na loita pola permanencia o Montelouro non fallou ante o descendido Malpica e conserva a 2ª praza que lle dá a salvación, deixando ao Lira pendente dos posibles arrastres.
Na base, a xornada sabatina deixounos xa os finalistas da Copa da Costa. En Xuvenís o Corme daba a sorpresa e eliminaba ao Sofán, endosándolle a primeira derrota de todo o ano ao campión da Liga. Os cormeláns enfrontaranse ao Xallas, que eliminou a todo un Cabana.
En Cadetes, Muxía e Cerqueda veranse ás caras na finalísima, mentres que en Infantís o título decidirase entre Xallas e Outes.
Polo demais, a xornada deixa tamén o título dos Veteranos para o San Lorenzo.