Sábado. 20.04.2024
El tiempo

“Hai que volver ás orixes e deixarse de pagar, e facer unha base con xente da casa"

Raúl Periscal, adestrador do Sporting Zas, enfróntase ao equipo da súa casa, a UD Cerqueda. 

Raul Periscal un cerquedan no Sporting Zas
Raul Periscal, un cerquedán no Sporting Zas
“Hai que volver ás orixes e deixarse de pagar, e facer unha base con xente da casa"

O Fútbol da Costa está contento este curso pola volta aos banquiños dun dos seus clásicos. Cumple esta temporada 10 anos adestrando, só coa interrupción por motivos familiares de varios meses o ano pasado, na Liga da Costa. Empezou ascendendo ao Vimianzo na temporada 2009/2010, e pasou por Mazaricos (conseguiu tamén un ascenso), Cerqueda (3 meses), Cabana, Castriz, Ameixenda, Cerqueda de novo e agora no Sporting Zas.

10 anos nos que Raúl Periscal apenas estivo fóra dos banquiños eses meses da temporada pasada tras deixar o Cerqueda por un asunto familiar. Pero ao que non lle faltaron nunca as ofertas. “Eu, nese sentido non son un entrenador nin típico nin tópico, e se me ofrecen unha barbaridade, dígollo directamente aos directivos. A pasta non é todo no fútbol. E por iso algúns non comprenderon cando dimitín en Mazaricos despois de ascender, ofrecíanme demasiado e para min era o máis leal e honrado. Non tiven tempo a descansar que moi pronto xa me chamaron de Cerqueda, a verdade”.

Raúl Periscal afronta esta xornada un partido especial. O seu Cerqueda visita San Andrés e tocará enfrontarse a moitos dos que son os seus amigos.

 
  • QPC: Como está sendo a túa volta aos banquiños despois do parón por motivos familiares?

A verdade é que ben, a pesar de sermos aínda pechacancelas. Estou contento co traballo, porque estamos entrenando 3 días e estamos ben.

 
  • QPC: Que lle falta entón ao equipo?

Fáltalle competir. A nivel individual somos moi bos, pero adolecemos un pouco de competitividade, é un equipo, por agora, moi blandiño a nivel colectivo.

 
  • QPC: Como te convenceron de volver? Por que o Zas foi unha boa oportunidade?

Hai varios factores. É un proxecto a 3 anos, coa idea de continuidade, e sobre todo o tema de traballar cos xuvenís, que xa están traballando con nós e mesmo xogando. E claro, a cercanía foi clave, que non quería pasar unha hora ao coche todos os días.

 
  • QPC: Que te atopaches no Zas, tanto a nivel directivo como futbolístico?

Creo que é un bo proxecto, con bos xogadores, e creo que nin de coña somos o peor equipo da categoría. A directiva está facendo as cousas ben. Dende o principio expliquei o que pode pasar, e sempre foron moi sensatos. Teñen uns cadetes moi bos que gañaron a Liga e hai que potencialos, para sacar unha xeración, pero estamos falando de xuvenís de primeiro ano que xa xogan con nós. E leva tempo.

Pero gústame a idea de volver ás orixes e deixarse de pagar, e facer unha base con xente da casa. Eles teñen que saber que o futuro pasa por eles. Eu pasarei, Roberto pasará e teñen que quedar eles. Brais, Darío, Marcos, Aníbal, Adrián… todos que xa están xogando con nós sendo de primeiro ano. Temos que coidalos.

E teñen que saber tamén todo o que fai a directiva para que nós disfrutemos. Moitas veces os xogadores non valoran nada e eu quero poñer o foco en que o valoren, porque teñen que saber que os directivos van unha hora antes, e marchan unha hora despois para que eles disfruten. Aí está o traballo dos Roberto, Nuria, Alfonso… como noutras directivas para que nós disfrutemos do que nos gusta.
Costa moito ter un club na Costa, a día de hoxe. Xa llo dicía a Dani en Cerqueda, que o día que non traias froita ármase un lío, porque parece que pensan que a froita cae do ceo”.

 
  • QPC: E esa chavalada está por saír na casa?

Si si, é verdade que costa negociar, sobre todo cos pais, para que veñan cos maiores e cos xuvenís. Pero eles si que están comprometidos. Hai xogadores que teñen ofertas de outros equipos e que non queren marcharse.

 
  • QPC: Formaches un grupo de traballo con David Velo e co adestrador de xuvenís Adrián García “Fofi”. Como funciona ese tridente?

Fofi está facendo un traballo moi moi bo cos xuvenís. Está levando moi ben a súa formación, a súa disciplina, coordinando os minutos que teñen que xogar para vir con nós.
E con David, que tanto disfruta co fútbol, non temos ningún problema, todo o contrario. O grupo está contento, creo. Son dinámicas diferentes ás que estaban acostumados, e están respondendo ben a adestrar 3 días á semana.

 
  • QPC: É unha sorpresa que o equipo aínda non puntuase?

Para min si. Creo que non somos tan mal equipo. Creo que tivemos bos minutos contra o Corme na primeira metade. Fixemos un partido espectacular co San Lorenzo, onde o resultado non reflexou o que pasou. E é certo que esta pasada faltounos convicción, pero repito, a nivel individual temos xogadores espectaculares.
Estanos costando asimilar certos aspectos, pero non teño dúbida de que imos conseguir o obxectivo da salvación. E os chavales tampouco.

 
  • QPC: Coa túa experiencia na categoría, como ves este ano a Liga da Costa? Que equipos cres que estarán arriba?

Sorprendente, porque ninguén esperaba que o San Lorenzo estivera aí. Penso que vai haber moita igualdade, máis por abaixo que por arriba. Porque seguro que Corme, Ponteceso… igual Muxía.. posicionaranse pronto na parte alta, pero por abaixo a cousa vai estar complicada. Calquera vai gañar a calquera, creo eu.

 
  • QPC: Bueno, o desta fin de semana, non é un partido máis para ti, non?

Dende logo. Enfrontarse a un ex equipo sempre é especial e sempre se afronta con máis gañas. Alí estiven moi ben, moi a gusto, deixáronme facer todo que quixen, e estou moi agradecido por todo, e tamén por deixar prantarme cando o necesitei.
Creo que o de Cerqueda non é unha cuestión de fútbol, é unha cuestión de amizade. Non é só un ex equipo, porque ao ser de alí, e gracias ao feeling que había, ese apoiarse sempre, mesmo cando había momentos de dúbidas, é unha cousa especial. E sempre me sentín apoiado e respaldado, e algo máis, tanto pola directiva e polos xogadores.

 
  • QPC: Como afronta o equipo o partido contra a UD? Esperas sacar os 3 puntos?
Vai ser complicado. Son un equipo que se reforzou moi, moi ben. Temos que estar case perfectos, para facerlle dano. Ademais saben como xogo eu, como traballo as xogadas a balón parado. Pero que podemos.
A ver se somos capaces ao longo desta semans incorporar algunha fichaxe.

 

Comentarios