Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Laracha viviu a gran final do 35º Campionato de Peñas

Canteras El Pozo
O Canteras El Pozo proclamouse campión
A Laracha viviu a gran final do 35º Campionato de Peñas

O Canteras El Pozo proclamouse campión da 35ª edición do Campionato de Peñas de Fútbol “Concello da Laracha” tras vencer na final por 2-1 a Sporting Laracha.

O encontro disputouse o pasado sábado no Campo Municipal da Laracha e estivo marcado polo intenso calor, xa que a temperatura foi próxima aos 30º durante os noventa minutos.

Canteras El Pozo domiñou xa desde o inicio, mostrándose superior a Sporting Laracha nos primeiros compases e obtendo o premio do gol grazas a un lanzamento directo de falta de Freire no minuto 20. O conxunto de Soandres mandaba no electrónico e tamén continuaba facéndoo no céspede, o que se viu reflexado no 2-0 marcado por Kevin pouco despois do descanso.

Na última media hora do partido Sporting Laracha tratou de impoñer o seu xogo na zona central do campo, adiantou liñas e asumiu o control da posesión. Fufa marcou de cabeza o 2-1 para darlle emoción aos minutos finais. Sen embargo, Sporting Laracha foi incapaz de xerar novas ocasións de perigo. Canteras El Pozo defendeu ben os balóns aéreos e mesmo puido sentenciar o encontro cunha dobre oportunidade salvada en primeira instancia polo traveseiro e, a continuación, polo gardameta Roberto sobre a liña de gol cunha sensacional reacción tralo remate do dianteiro.

Os trofeos foron entregados polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello.

Subcampion Sporting Laracha
O Subcampion, o Sporting Laracha

     

Comentarios