Mércores. 23.10.2019
El tiempo

Máis dun cento de partidos de Costa a Costa

Máis dun cento de partidos de Costa a Costa
Imaxe do Cerqueda-San Lorenzo-Foto-UD Imaxe do Cerqueda-San Lorenzo desta semana-Foto-UD

Se algo faltaba, xa non. Se nos parecía pouco o fútbol que cada semana enchía os nosos campos, esta semana comezan as “últimas” categorías que restaban por entrar a competir, os últimos grupos de benxamíns e alevíns que aínda non comezaran a xogar, e que se suman á categoría prebenxamín da Costa, que tamén deu o pistoletazo de saída a semana pasada. Así as cousas, os campos costeiros acollerán esta fin de semana arredor dun cento de partidos de todas as categorías, case nada.

Fin de semana especial en Camariñas

Será unha fin de semana con sabor especial en Camariñas: dous derbis nunha mesma fin de semana na Terceira Galicia, algo poucas veces visto. E, ademais, quen así o desexe poderá presenciar ambos encontros, pois xóganse en días distintos.

Así, o sábado (O Rodeiro, 16.15 horas, David Vázquez) enfrontaranse Camelle e As Baleas, duelo inédito neste campo, nun partido no que os visitantes buscan seguir mellorando prestacións e os locais agarrarse cun último alento ás opcións da promoción de ascenso (que lles queda atalora a dez puntos).

E en postos de play off están os outros dous equipos camariñáns. O domingo (Hermanas Patiño, 17.15 horas, Iván Vilanova) enfrontaranse Camariñas e Porteño nun duelo importante para definir posicións de cara a esa última fase da competición, onde os locais ocupan actualmente a última das prazas que dá acceso ao play off, en tanto os visitantes teñen praza case garantida (oito puntos de colchón sobre o sétimo clasificado) pero poden aínda optar ás prazas de ascenso directo.

E, na pelexa polo ascenso directo, o domingo producirase un duelo con carácter definitivo. En San Pedro de Castriz (17.00 horas, Bruno Méndez) enfróntanse Castriz e Cabana, ou o que é o mesmo, segundo e terceiro, separados atalora por un só punto. A vitoria pode ser decisiva, pois quedarán apenas seis/sete partidos por diante para ambos.

E, con un ollo posto nese partido, ademais do Porteño estará o Coristanco, o líder imbatido da categoría, que de gañar o seu partido (A Rocheira, domingo, 17.00 horas, Juan Marcos Ríos) fronte ao Nantón case podería sentenciar o ascenso, pois deixaría o terceiro clasificado, como pouco, a nove puntos.

Na Liga da Costa, pola súa banda, os resultados da pasada semana permitiron descolgarse aos dous primeiros, Mazaricos e Corme, que abriron unha fenda de un partido de diferenza co resto, manténdose o Muxía agora á espreita como alternativa. O Mazaricos recibe (Pino do Val, domingo, 16.15 horas, José Ageitos) ao Sporting Zas, en tanto o Corme visita ao complicado Baíñas (Municipal de Vimianzo, 18.30 horas, David Vázquez).

E tamén algunhas saídas

Esta semana tamén haberá presenza da Subdelegación do Comité de Árbitros da Costa en partidos de Preferente Galicia. Particularmente, haberá trío arbitral costeiro no Municipal Jesús García Calvo. Marcos Ordóñez dirixirá o duelo entre Negreira e Estudiantil, auxiliado nas bandas por David Castreje e Daniel Martínez. Tamén estará na Preferente Alberto Baña, quen actuará como asistente 1 no partido entre Mondariz e Bande que dirixirá o coruñés (con raíces costeiras) Pedro Oreiro.

E moito máis

No fútbol veterano, este domingo toca xornada para medir a fiabilidade e regularidade dos equipos. Catro equipos seguen igualados na parte alta da clasificación, e non hai duelos directos entre eles nin contra equipos da “zona alta”. Haberá duelo de urxencias nas Fontiñas, onde se enfrontan (11.00 horas, Iván Vilanova) Nantón e Sp Bértoa, os dous últimos clasificados, no que ten que ser unha boa xornada para quen resulte vencedor, pois todos os demais implicados na pelexa do descenso reciben a diversos equipos da zona alta.

Na Primeira, Mazaricos e Deportivo Razo abriron oco (cinco e seis puntos de vantaxe) nas posicións de ascenso directo, e nesta xornada enfrontan a rivais da zona baixa. O partido máis atractivo semella o derbi que enfrontará a Deportivo Carballo e Sofán (O Carral, 10.00 horas, Iván Ferreiro), dous equipos que actualmente ocupan postos de fase de promoción de ascenso.

Xornada a priori tamén de transición na competición xuvenil, onde os catro primeiros clasificados enfrontan equipos da metade inferior da táboa. O Cabana, que leva varias xornadas sen ceder un só punto, visitará (sábado, 16.00 horas, Sebastián Pérez) o Platas Reinoso para medirse ao Baio, en tanto o Corme recibirá á mesma hora (O Cairo, Marcos Ordóñez) ao outro conxunto da vila soneirana, o Sporting Zas. O Fisterra, pola súa parte, recibe no Ara Solis (18.00 horas, Alberto Baña) ao veciño Cee, nun duelo sempre fermoso, en tanto o cuarto na pelexa polo ascenso, Os Miúdos, xogará na matinal do sábado (Hermanas Patiño, 12.00 horas, David Vázquez) a domicilio fronte ao Camariñas.

No fútbol cadete, o Concello de Zas pode deixar sentenciada a competición se é quen de vencer (domingo, 12.15 horas, San Andrés, Lucas Vicente) ao terceiro clasificado, o Outes (ao que, de gañar, deixaría xa a doce puntos de distancia). Entre ambos, o Cee, que recibe (domingo, 12.00 horas, Sampaio de Refoxos, Sebastián Pérez) ao Ponteceso.

No fútbol infantil, os dous colíderes enfróntanse aos dous equipos da vila de Pondal, aínda que son encontros con matices a priori ben diferentes. O Cee terá un encontro a priori máis complicado, pois visita a un Corme que está cuarto na clasificación, e ademais o partido xogarase no Cairo (sábado, 11.00 horas, José Ageitos), en tanto o Dumbría recibe (O Conco, sábado, 12.00 horas, Alberto Baña) a un Ponteceso que é penúltimo na táboa.   


Tendes todos os horarios e táboas en www.futboldacosta.com onde poderedes seguir o carrusel tecnolóxico dominical cos goles en directo das ligas de modestos.

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Comentarios