luns. 25.05.2026
El tiempo

Manuel Pablo presentou o potente Torneo de Sanfins

Presentacion Torneo Sanfins Vimianzo con Manuel Pablo 2 copia
Manuel Pablo presentou o potente Torneo de Sanfins

O pasado sábado 23 de maio pola mañá, a pista polideportiva de Caxadas acolleu unha xornada moi especial coa visita de Manuel Pablo, histórico xogador do Super Dépor e unha das figuras máis queridas do deportivismo galego, que quixo apoiar a promoción do III Torneo Futsal 4x4 – Memorial Juan Insua.

Durante a mañá, Manuel Pablo compartiu tempo cos nenos e nenas asistentes, asinando autógrafos, sacando fotografías e participando en diferentes momentos relacionados co fútbol base. Desde a organización destacan a súa cercanía e implicación, agradecendo enormemente a súa colaboración nun torneo que busca fomentar valores como o compañeirismo, a amizade, a diversión e o deporte no medio da natureza.

Presentacion Torneo Sanfins Vimianzo con Manuel Pablo 4

A Comisión de Festas de Sanfins tamén quere agradecer ao Concello de Vimianzo, especialmente á alcaldesa Mónica Rodríguez, a súa colaboración para facer posible esta visita, así como a todos os patrocinadores e colaboradores que continúan apoiando este proxecto deportivo e social.

O III Torneo Futsal 4x4 – Memorial Juan Insua celebrarase en Sanfins durante os días 20, 27 e 28 de xuño de 2026, contando con diferentes categorías:

  • Categoría SENIOR (+16 anos): sábado 20 de xuño.
  • Categoría INFANTIL (nados/as entre 2014 e 2017): sábado 27 de xuño.
  • Categoría CADETE (nados/as entre 2011 e 2013): sábado 27 e domingo 28 de xuño.

A organización destaca como novidade deste ano a creación da categoría cadete, nacida pola petición de moitas familias e participantes que querían continuar vinculados ao torneo tras pasar pola categoría infantil.

A participación será totalmente gratuíta nas categorías base grazas ao apoio das empresas patrocinadoras, e incluirá churrasco para os participantes. As inscricións xa están abertas a través dos códigos QR dos carteis oficiais publicados nas redes sociais de Festas de Sanfins.

Desde a Comisión de Festas animan a todas as familias e equipos da Costa da Morte a participar nunha cita que continúa medrando ano tras ano.

Presentacion Torneo Sanfins Vimianzo con Manuel Pablo 2

Torneo San Fins

Comentarios