O Bergan, campión da Fase Autonómica da Copa RFEF tras vencer ao Ribadumia na sorte dos penaltis
O Bergantiños proclamouse onte en San Lázaro campión da fase autonómica da Copa Federación (Copa RFEF). Foi a sorte dos penaltis a que decidiu que o equipo de Miguel Filgueira levantase o trofeo.
Bergantiños - Ribadumia (2-2)
- Bergantiños: Bugy, Rubén, Aarón, Baleato, Marcos, Granada, Losada, Toni, Rivera, Ekedi e Álex. Tamén: Jorge Sáez, Cañi e Cano.
- Goles: 0-1, m.32: Hugo; 1-1, m.58: Ekedi; 2-1, m.94: Cañi; 2-2, m.112: Mota.
Foi un partido vibrante, de grandes alternativas, cun Ribadumia que saíu dominador na primeira metade, chegando con perigo á meta de Bugy. Á media hora e tra varias paradas do meta carballés, Hugo abría o marcador cunha fermosa vaselina. Non espertou o cadro vermello ata o descanso.
Nun segundo tempo máis bronco, co Ribadumia intentando aguantar a renda, o Bergan apretou algo máis, pero era o cadro visitante o que a piques estivo de marcar o segundo. Pouco despois Ekedi roubaba na saída do balón, encaraba e facía un valioso gol que daba o empate. Quedaba media hora por diante.
Miguel Filgueira, adestrador do BergantiñosA resposta do Ribadumia foi inmediata, de novo mediante unha gran acción individual de Hugo, que foi derribado dentro do área, pero o penalti errouno Miguel, despexando Bugy.
Remataron os 90 minutos sen demasiados riscos pero nada máis comezar a prórroga Cañi aproveitaba un gran pase de Cani para marcar. Pasaban os minutos e parecía que a Copa estaba preto de vir para Carballo, pero a falta de 8 para o remate Mota empataba cun gran remate de cabeza.
Chegaba a sorte dos penaltis, e marcaron Riveira, Sáez e Cano polo Bergan (errou Cañi), mentras que polo Ribadumia marcaron Hugo e Bugallo e erraron Miguel, Matos e Mota. Rafael Louzán entregou os trofeos e medallas ós finalistas, acompañado dos dirixentes dos dous clubs.