Venres. 29.03.2024
El tiempo

O fútbol 8 costeiro tenta reinventarse

O fútbol 8 costeiro tenta reinventarse
O pasado luns celebrouse a cita anual en Baio para confeccionar as competicións de fútbol 8 costeiras. A pesar da escasa asistencia de clubs o debate estivo moi interesante e puxéronse enriba da mesa temas que afectan a todos os equipos, aparecendo propostas moi atractivas que seguro que levan a mellorar a competición para todos. O foco de atención estribou na pouca participación de equipos que teñen os grupos Norte de alevín e benxamín. Como todos sabedes, estos grupos empezan a competir en febreiro para dar tempo a xogarse as ligas de fútbol sala e a liga Costa Bergantiñá. Bastantes equipos da zona Norte pasáronse á zona Sur pois esta liga é máis longa, e así os nenos disputan máis partidos. Como ben apuntaba Suso da Torriña, xa non ten sentido a división Norte - Sur, pois realmente trátase dunha división liga longa - liga curta. A situación este ano chegaba a tal punto que en alevín Norte só se apuntaban 5 equipos, facendo moi pouco atractiva a liga. Corme - As Baleas benxamin no Cairo O fútbol base, o noso verdadeiro logro Ante unha proposta de Paco, das EF Vimianzo, xerouse o debate, no que apareceron as peculiaridades de cada club: non todos se moven nas mesmas circunstancias, e cada equipo é un mundo nese aspecto. En cada Concello hai máis ou menos nenos, máis ou menos actividades que comparten tempo co fútbol, o cal leva a diferentes problemas en Corme que en Corcubión, en Santa Comba ou en Zas. Tratouse de que todos uniran sensibilidades e de chegar a un lugar común, que cremos que é o que se debe facer.  Como apuntaban dende Outes, parece complicado de entender como unhas ligas de fútbol federativas están supeditadas a outras organizadas por asociacións que non teñen nada que ver coa Federación Galega, e despois dun enriquecedor intercambio de opinións quedouse en volver a reunirse os clubs a principios de outubro, pero xa cunha proposta por parte da Federación de facer unha liga común, dividida en dous verdadeiros grupos Norte e Sur para evitar desprazamentos esaxerados. Estas ligas poderían estar formadas por 10 ou 11 equipos cada grupo, co cal os clubs disputarían uns 20 partidos, iniciándose as ligas a finais de outubro, e podendo pasar despois a unha fase final onde se decidirían os equipos que pasarían ó campionato galego. Os clubs que non se clasificaran para esta fase poderían xogar unhas roldas de Copa en formato grupos, á imaxe e semellanza do que se fixo en cadetes o ano pasado. A ver que sae de todo isto, pero o certo é que dende estas páxinas animamos a todos os clubs a acudir a estas reunións, pois é onde verdadeiramente podemos unir esforzos para mellorar as nosas competicións, en beneficio dos nenos, que o único que queren é vestir a camiseta do seu equipo e saltar ó campo a correr detrás do balón. Prebenxamins do Cee e DumbriaTorneo Memorial Andujar de Dumbria 2018 A ledicia é por igual en vencedores e vencidos

Comentarios