Óscar Santos, "esa palabra sabia, ese gran consello"

Óscar Santos retirouse participando como cuarto árbitro na última Copa da Costa, onde recibiu unha homenaxe do colectivo arbitral e a RFGF-Foto-Jorge Castro

Poucas veces a marcha dun árbitro do colectivo arbitral causa tanta impresión. Pero é que alá por onde pasa, o pouso que deixa Óscar Santos é imborrable. Dicímolo con coñecemento de causa, pois foi el, un dos grandes pioneiros na revolución mediática do Fútbol da Costa, o que liou ao equipo de QPC a comezar a realizar un seguemento exhaustivo do noso deporte.

Aló polos 2007-2008 xa editaba unha cuca guía da Liga da Costa dende a SDU Vimianzo, e mesmo publicaba na arcaica rede daqueles tempos os resultados da Liga da Costa ás 22:00-23:00h dos domingos… Unha auténtica heroicidade naqueles tempos nos que non había juasap…

Un que o coñece ben, e que de feito, xa se lía naquelas primeiras crónicas de QPC aló polo curso 2010-2011, era Manuel Espasandín, naquel entón porteiro do CD Baio, e agora actual delegado arbitral da Costa. Foi compañeiro de mesa no cursillo realizado por ambos en 2016, o primeiro realizado na recén estreada subdelegación da Costa. De feito, Espasandín é o árbitro 910 e Santos o 911.

Primeiro partido da Copa da Costa, nas Pedreiras con Espasandín e Castreje

”Xa nos sentamos xuntos o primeiro día, porque xa nos coñecíamos dos campos”, relata Espasandín. “El viña só coa idea de formarse, sen a intención de chegar a ser árbitro. Iso foi en marzo de 2017, e en setembro xa estaba pitando, a pesar das súas dúbidas iniciais. Lanzouse, e lembro algunhas viaxes ás Eiroas a facer de liñas, e co pouco que cobrábamos, 15 euros, xa o gastábamos no gasoil, ou no café previo… Pero fumos facendo amizades, foinos gustando. E pouco a pouco el foi ascendendo máis rápido. Eu aínda lle tiña respecto a pitar a Liga da Costa, el foi directo, e xa o segundo ano xa ascendeu á 1ª, gozando de moitos partidos por toda Galicia”.
“El podía ter sido un gran Delegado Arbitral da Costa, pero sempre se negou, porque co tema do Asalto non ía ter tempo, e el entende que as cousas tenas que gozar ao 200%,; e ademais sabuía que ía ser moi tajante cos compañeiros e non quería ese rol de xefe, e prefería ser un compañeiro máis. Pero sen dúbida, axudou a formar a chavalada nova, levando asistentes e dándolle sempre unha atención especial”, conta Espasandín. “Máis que perder un bo árbitro, perdemos unha gran persoa, os seus valores, a súa cordura, que tanta falta, unha palabra sabia, un gran consello… Ese é Óscar, sempre facendo grupo, sempre organizando actividades, e de feito esperamos que siga a carón de nós”.

Oscar Santos con David Cancela e Vítor Recarey no Conco

Outro que o coñezo de preto é o ex delegado arbitral, Vítor Recarei. “Foi un dos mellores árbitros que nunca tiven. E non polo campo, que me importa menos, senón porque foi a mellor persoa posible. Un tío comprometido, que estaba sempre que o necesitabas, que nunca puxo un problema. Un orgullo de rapaz que entrou no noso colectivo xa con 40 anos, bregándose coa chavalada, e que sempre obtiña os mellores resultados nas probas físicas (fronte a nenos que poderían ser os seus fillos) e nas teóricas”, explica Recarei. “Un tío que sempre axudou. Dando clases, indo ver a compañeiros que comezaban, opinando cando había debates, acudindo a clase sempre que podía, facendo grupo, e sumando, sempre sumando. O oco que deixa Urroa, en definitiva, será imposible de cubrir. Unha perda que nos doe un mundo. Pero, como lle queremos moito, porque se fai querer, desexámoslle o mellor nesta nova etapa lonxe de nós, que atenda á súa familia e o seu traballo, que é o que lle pide agora a cabeza, que goce das súas viaxes, pero que, sempre, sempre, será un de nós”.

Oscar Santos nun Zas-Corme-Foto-Fin Lema

Os seus fitos

Debutou un 2 de setembro de 2017 en Carnota nun partido infantil Carnota—Ponteceso.
Foi de asistente a 1ª un 7 de outubro daquel ano nun Victoria-Miño na Grela con Adrián Rellán e Óscar Rey.
O seu primeiro partido da Copa da Costa foi con Espasandín e David Castreje ás Pedreiras, nun San Lorenzo Corcubión de amio de 2018.
Ese mesmo ano, o 2 de setembro de 2018 xa debutaba na 2ª, nun San Martiño - Relampago no Outeiro (Cerceda); e na Liga da Costa debutaría o 16 de setembro do 2018 nada menos que no Rodeiro, nun Camelle - Seaia.
Nesa temporada 2018-2019 pitou 12 partidos da Costa e 6 da 3ª Galicia, pasando a pitar o ano seguinte xa 14 partidos da Costa.
A súa primeira final da Copa da Costa foi 23 de xuño de 2019, nun Cabana-Esteirana disputado no Conco, el como asistente con Adrián Pérez Rellán, Iván Vilanova e David Vázquez Lema.

Árbitros da Final da Copa da Costa 2019

Debutou na 1ª Galicia como árbitro o 17 de outubro de 2021, nun Club del Mar-Brexo Lema con Adrián Pérez Rellán e Christian Sendón, pitando ese ano do seu debut ata 7 partidos da categoría; subindo as súas cifras ano tras ano. Ata este 24/25, na que, tras consumarse o seu descenso por motivos de idade, dirixiu 13 partidos Liga da Costa, o que fan un total de 55 partidos da Liga da Costa.
Cómpre destacar que estivo en 7 partidos de 3ª División, debutando nun Arenteiro-Villalbés do 17 de febreiro de 2019, con Bruno Méndez e Óscar López.

Este pasado 8 de xuño colgaba o silbato facendo de cuarto árbitro na final da Copa da Costa masculina (a súa terceira pois tamén estivo na Fisterra-Esteirana de Fontenla) celebrada no San Paio de Refoxos, onde recibiu unha homenaxe do colectivo arbitral e a RFGF.

A todo, hai que sumarlle un Balón da Olería de Buño, recibido na Gala de 2018 como o Árbitro do Ano.

Óscar Santos recibindo un balon da Olería de Buño ao Árbitro do Ano 2017-2018
Oscar Santos nun Ponteceso-Muxia
Óscar Santos pitando un Dumbría-Negreira de 1ª
Óscar Santos nun Mazaricos-Dumbria de Copa
Oscar Santos pitando un Baio-Cordeiro

Máis novas