Andrea e Aisha, as pioneiras árbitras do Fútbol da Costa
O vindeiro mércores 25 o Fútbol Feminino ten unha cita en Baio con dúas árbitras de categoría estatal. O que nos permite afondar no papel das colexiadas do Fútbol da Costa.
Queremos falar coas dúas colexiadas que temos a día de hoxe no noso fútbol: Andrea Barbeira Vilar e Aisha González Eirís (xa se sabe que ás colexiadas sempre hai que poñerlle os dous apelidos). ero antes cómpre lembrar ás pioneiras que foron abrindo paso. Hai poucos anos chegou a pitar varios partidos Minia Ferrío Andrade. Moito tempo antes si que foi colexiada de longo percorrido Olga Castro Castro, unha carballesa que arbitrou en Carballo e na zona da Coruña entre o 2009 e o 2013. Lembra a “soidade” da fifura da colexiada pero gustáballe moito “a profesionalidade do mundillo” naqueles tempos.
Lembra que cando o deixou empezaba Eugenia Gil Soriano (unha das colexiadas que vén o mércores, “e mira onde chegou”, sinala orgullosa. Conta que cando se apuntou tivo apoio da familia e dos compañeiros, pero que cando quedou embarazada tivo que deixalo. “Se non, tivese seguido”, asegura.
Ese legado recólleo esta tempada Aisha González Eirís (15 anos, natural de Guntián da Parroquia de Sofán, Carballo, e estudante de 4º ESO no IES Isidro Parga Pondal de Carballo, e árbitra polo de agora de F8) e Andrea Barbeira Vilar (20 anos, natural de Estévez da Parroquia de Castriz, Santa Comba; xogadora do Xallas actualmente estudando un ciclo medio de farmacia e parafarmacia na Coruña; e xa arbitrando a F11 feminino de categoría cadete e sénior de 3ª, aínda que tamén en algún partido de F8), que xa son un referente para o resto de rapazas da comarca. Non hai como ver como as pequenas xogadoras do F8 reciben a Andrea no campo, cal se fose unha estrella.
Facémoslle ás dúas varias preguntas:
- Que che empuxa a meterte no munda da arbitraxe? Tes apoios na familia?
- Aisha: A decir verdade, inspiroume o conserxe do meu colexio de primaria "David Cancela”, debido aos nosos constantes debates dos partidos.
E a verdade é que si, miña familia sempre me apoia en todo o que fago.
- Andrea: Ao primeiro metinme por influencia de meu irmán xa que me animou a facer o curso. Despois, vin o bo ambiente que había e que me podía chegar a gustar, polo que decidín continuar.
E si, a verdade é que a miña familia adoita apoiarnos bastante e sempre se preocupa de que non nos despistemos dos estudos.
- Que é o que máis che gusta da arbitraxe? E o máis difícil?
- Aisha: Para min o máis bonito e interesante da arbitraxe é axudar aos nenos de fútbol base a entender o regulamento no campo, como por exemplo facer ben un saque de banda, explicarlles o que é unha cesión e axudarlles a que disfruten do fútbol con disciplina.
E o que a min me parece más difícil é o ambiente que hai fóra do campo, paréceme unha pena que haxa tantos conflictos en categorías tan baixas.
- Andrea: O que máis me gusta da arbitraxe é a familia que hai na subdelegación da Costa, ademais de que me permite ver desde outro punto de vista un partido de fútbol e o fútbol en xeral. Considero que, ao ser tamén xogadora e adestradora, cada posto apórtache unha visión distinta deste deporte.
Por outra banda, o que menos me gusta son os nervios á hora de arbitrar. Refírome a que busco facelo da mellor forma posible para non equivocarme, cuestión que considero moi complicada, sobretodo en partidos onde estas soa como árbitra e mesmo coa presenza de liniers e posible cometelo. Desde que era pequena sempre pensei que arbitrar era algo sinxelo e non podía entender como o arbitro se podía equivocar en accións que para min eran claras. Mais, agora que son árbitra, decátome de que ser árbitro é moito máis complicado, posto que tes que estar pendente a diferentes actos mentres o balón está en xogo. Por exemplo, tes que ter coidado coa túa posición e estar atenta á xogada que está a acontecer pero, simultaneamente, debes de vixiar outras accións que poden condicionar o partido, como o fóra de xogo dun xogador.
Outra cousa que non me gusta e que penso que hai que mellorar é o respecto cara o colexiado. Creo que é un tema que está cambiando, pero que aínda lle queda un longo camiño. Na miña opinión, isto ocorre porque temos normalizados certos comentarios irrespetuosos como “arbitro pon gafas”, o cal non debería ser así. Non obstante, quero resaltar que o trato que recibín de momento polos clubs aos que fun arbitrar foron moi bos, tanto á hora de comunicarse conmigo, como de preocuparse por se necesitaba algo.
- A que aspiras?
- Aisha: Agora mesmo só me centro no presente, penso no aquí e no agora. Máis adiante posiblemente teña máis claras as miñas metas, pero ahora céntrome en arbitrar ben en fútbol 8 para ir subindo poco a poco de categorías.
- Andrea: Polo momento estou centrada no presente e, antes de pensar en ascensos e atá onde podo chegar, estou focalizada en poder mellorar as miñas dotes como árbitra: o meu posicionamento no campo ou a toma de decisións no terreo de xogo.
- Tes referentes femininos xa, tanto no mundo da arbitraxe como de xogadoras? Quen?
- Aisha: Si, no mundo da arbitraxe a miña referente é Eugenia Gil e como xogadoras miñas referentes son Athenea del Castillo, Teresa Abelleira, Maria Isabel Rodríguez (Misa) e Olga Carmona.
- Andrea: Non son unha persoa de ter referentes, posto que creo que cada persoa ten a súa loita e que moitas veces poñer a alguén como referente é crer que ti non podes chegar ao seu nivel. Pero, se tivese que decir algún de alto nivel de árbitras sería Eugenia, que quizáis é árbitra da que máis escoito falar e unha das que máis resalta na actualidade. Ademais, dicir que tamén me encontrei con varias árbitras veteranas, das cales espero aprender a continuar disfrutando da arbitraxe nuns anos da mesma maneira na que o fan elas.
No que respecta ás xogadoras, a verdade é que non me gusta moito opinar porque tería que mirar unha por cada posición. Así mesmo, tampouco vexo moito fútbol pola televisión (nin masculino nin feminino) xa que durante a semana estou centrada nos estudios e ao fin de semana estou nos campos arbitrando, xogando ou vendo algún partido de equipos da costa. Agora ben, podo resaltar xogadoras da Costa que me gustan moito sen ir moi lonxe, como María e Olalla, coas que teño a sorte de poder compartir cores, así como Paula Fandiño, Lucía Martínez e moitas outras xogadoras que destacan na Costa.
- Que che parece a revolución do fútbol feminimo na Costa da Morte?
- Aisha: Neste momento o fútbol feminino está en auxe e estou moi contenta porque cando comencei eu na base da S.D Sofán só eramos dúas nenas e non me podían ofrecer equipo feminino, tendo a opción de entrar noutro equipo onde hoxe conta con catro categorías.
- Andrea: Estou ilusionada ao ver que case se forma un grupo da Costa feminino. Cando eu era pequena, era complicado encontrarse con rapazas noutros equipos en categorías base. Agora, cando vou arbitrar algún partido onde as categorías son mixtas, faime moita ilusión ver que hai máis participantes femininas. Creo que ver crecer o fútbol feminino para todas as rapazas que empezaron “soas”, e con certa idade tiveron que buscar un equipo lonxe da súa casa para poder continuar xogando, é un feito que alegra e esperanza a situación do fútbol feminino.