10 anos de Gala do Fútbol da Costa, 10 anos de identidade

Nomes como Alejandro, Moriño, Doro, Iván Cancela, Aarón Fdez., Adrián Makaay, Alejo… representan á perfección a identidade do Fútbol da Costa. Da Costa da Morte en realidade, porque o Fútbol da Costa non é máis que unha expresión da personalidade de toda unha comarca. É un axente social que axuda a vertebrar a nosa terra, e con figuras coma estas, facemos medrar esta lenda que nos convirte en envexa de toda Galicia, e axudamos a que as novas xeracións teñan exemplos de compromiso e comunidade onde fixarse. Que os Diegos, Patris, Marios ou Miriams, sigan os seus pasos.
Porque por aí vai a intención das Galas do Fútbol da Costa - QPC, que onte celebraron en Vimianzo (con magnífica acollida) a súa 10ª edición. E así o explicaba Alberto Pose, repasando os principais alicerces destes eventos: a posta en valor dos nosos protagonistas deportivos (que foron ampliándose gracias á sana incorporación dos árbitros e da imparable revolución do fútbol feminino, cada vez máis protagonista destes eventos); destacar o valor cultural da bisbarra (aí están os máxicos balóns da oleria de Buño xa convertidos en elemento fetiche do noso deporte); e ir percorrendo a comarca para achegar estes eventos a todas partes (xa van 8 concellos nestes 10 anos). Todo para concluír cun claro: “A Gala é de todos vós”.

Baixo unha dirección absolutamente magnífica de Míchel Antelo, e despois da benvida da alcaldesa Mónica Rodríguez, a entrega dos máis de 50 premios (coa axuda dos fantásticos azafaif@s da base do Soneira SD) foi dinámica e amena, e contou coa participación de Demelsa Marcote, que despois de gañar o concurso de monólogos do Camping Lago Mar, vivía a súa primeira experiencia nun auditorio absolutamente cheo, con máis de 400 persoas.

Entre os grandes triunfadores da noite cómpre destacar ao Dumbría, con 12 balóns (entre eles Mellor Xogador, Mellor Adestrador Masc, e Mellor Equipo Masc., con ata 3 balóns que van de novo para casa de Diego Estévez), pero tamén houbo nomes singulares como Moriño, que levou para casa, aos seus 45 anos, os seus dous primeiros trofeos.
Ao longo da semana publicaremos unha gala de fotos no Facebook Fútbol da Costa e subiremos ao diario as votacións.
10 anos de historia fútbol da costa, de identidade
Cumplía 10 anos a Gala, e decidimos abrir unha votación aberta para escoller o 11 Maderas Muíño da Década. 1.160 persoas escolleron un 11 que representa moi ben a nosa historia. Primeiro da man dun Iván Cancela, todo un presidente do Comité estatal de Entrenadores, que non esquece as súas raíces, e que fixo un gran esforzo porque estar na Gala para recibir o Premio ao Mellor Adestrador da Década.
Volveron xuntarse xogadores que fixeron historia no noso fútbol, como Alejandro. Menudo momento emotivo viviu o auditorio cando o seu fillo, Borja Torrado, subiu coa camiseta do 3, a recoller o premio…
Foi Raquel González, xerente da empresa, a que fixo entrega os premios ao 11 formado por Julián Couto (Xallas) na protería; o camariñán Pablo Vigo, o muradán Aarón Fdez. e o propio Alejandro na defensa; Doro (o máis votado), Lucas, Bieito e Moriño o medio; e Adrián Makaay, Juan de Dora e Alejo arriba.
Historia, activa nalgún caso, do noso fútbol, con gañas de máis, como deixou claro Doro, que tendeu a man a QPC para organizar un partido entre o 11 da Década e o 11 ideal actual! Seguro que algo sae!

Os Premios GORDOS
Estaba tenso o auditorio para os grandes premios. A tensión palpábase cada vez que Michel mantiña a respiración antes de dar o gañador, e rompía a berrar a amplaudir cando lanzaba un ou outro nome. Con todo, as 110 persoa ás que lle pedimos os votos decidiron os e as gañador@s:
- Premio As Baleas á Mellor Xogadora: Patri Romaní (Muxía)

- Premio Albañilería Esteban Blanco ao Mellor Xogador: Diego Estévez (Dumbría).

- Premio ao Mellor Adestrador Masculino: Pablo Conde (Dumbría)

- Premio Autocares J. Pombo ao Mellor Adestrador Futfem: Rubén Souto (Corme)

- Premio Restaurante D’Álvaro ao Mellor Equipo Masculino: Dumbría.

- Premio Apligasa ao Mellor Equipo Futfem: Xallas.

- Premio Cristalería Vilas á Mellor Directiva: Sofán.

Os 11 ideais
Equipazos os que saen destes premios, verdadeiramente, que seguro que teñen continuidade cos Partidos Solidarios que armamos cada nada, dándolle ademais un sentido social ao noso fútbol.
Premio Maquibasa ao 11 ideal Feminino

Premio Gerca ao 11 Ideal Masculino

O colectivo arbitral

Necesaria e agradecida a presenza do colectivo arbitral nestes eventos, sobre todo nunha zona onde a súa figura aínda nubla o sentido a moitos adestradores, siareiros e xogadores. A súa participación nestas galas, sempre con bo disposición e con apertura, dá conta da súa integración real nos valores do noso Fútbol da Costa, e cremos que pouco a pouco vai habendo menos hooligans nos campos e máis persoas que entenden que son parte intrínseca e necesaria do noso deporte.
O delegado arbitral da Costa Manuel Espasandín agradeceu a colaboración de QPC na dignificación do seu papel, e agradeceu o compromiso de Óscar Santos, que colga o silbato, antes de facer entrega, xunto con Eva Vidal, do premio que leva o nome do seu fillo: Premio Lucas Vidal ao Árbitro do Ano, que neste caso foi para David Castreje. Non puido estar o fisterrán e foi o irmandiño Óscar Santos o que sacou a foto.
O colectivo arbitral tamén decidiu o Premio Saunier Dival ao Delegado do Ano. Aspiraban o xalleiro Toñín, do feminino, e o baiés Bertino, pero finalmente os árbitros quixeron agradecer a labor do cabanés Rafa, que tampouco puido estar e subiu José Ramón Pombo a recollelo.

Fútbol Base: Fisober e Cee

No tocante ao Fútbol Base, a Gala tivo dous nomes protagonistas. Primeiro o Fisober, ese club que está facendo historia no fútbol sala galego, e cuio equipo alevín feminino agora mesmo está disputando, no Conco, o Campionato de España. QPC quixo ter un detalle con elas e facerlles entrega dun dos balóns, ao que o club respondeu achegándose en bloque e marchando de contado para concentrarse no albergue do Ézaro para preparar o campionato estatal.
No VIII Premio Abdoulaye ao Fútbol Base, os votos dos 110 participantes sinalaron como vencedor ao Unión Club Cee, superando ao Dumbría e ao Sofán.

Pichichis e Pombos
Xa se sabían, pero non por iso deixaron de ser emotivos os premios aos e ás Pichichis e aos e ás Pombos. Foi precisamente o fillo do que dá nome aos premios aos porteiros menos batidos, o que subiu con Trucho, da Escola de Porteiros Nordés a facer entrega aos gañadores, sendo o momento máis emotivo na entrega do premio Asfeco á Pombo do Futfem a Lucía Dourado. A porteira cerquedá do Corme recibiu o premio a mans do seu pai, Chaves, histórico do fútbol bergantiñán, representando a perfección o relevo xeracional que vive o noso deporte.

Estes foron os gañadores:
- Premio Ramacar á Pichichi Futfem: Rut (Esteirana)
- Premio Máis Deporte ao Pichichi de Pref. e 1ª: Diego Estévez (Dumbría)
- Premio Brétema á Pichichi da 2ª: Djibril (Camariñas).
- Premio Iván Vilan & Insua Asesores ao Pichichi da 3ª: Isma Ramos (Sofán B).
- Premio Pombo ASFECO á Porteira Menos Batida do Futfem: Lucía Dourado (Corme).
- Premio Pombo Aluminios Dumbría ao porteiro menos batido de Pref. e 1ª: Anxo (Dumbría)
- Premio Pombo RF1 Personal Trainer ao porteiro menos batido da 2ª: Rodri (Baio)
- Premio Pombo Roberto Mouro ao Menos Batido ao porteiro menos batido da 3ª: Guille (Zas).
Agradecimento aos Patrocinadores
Máis novas da Gala
REPASO DAS GALAS
- Gala 2024 (Santa Comba): O Fútbol Feminino volveu demostrar o seu potencial nunha Gala do Fútbol da Costa-QPC na que triunfaron Xallas e Castriz
- Gala 2023 (Corcubión): Unha Gala do Fútbol da Costa para unir e render homenaxe ao UD Corcubión
- Gala 2022 (Malpica): A Gala de Malpica volveu unir o Fútbol da Costa.
- Gala 2019 (Dumbría): O Fútbol da Costa pechou o curso 18/19 na VI Gala QPC.
- Gala 2018 (Santa Comba): A Gala QPC puxo en Santa Comba o emocionante broche de ouro á temporada do Fútbol da Costa.
- Gala 2017 (Muxía): A emoción, protagonista da Gala do Fútbol da Costa – QPC.
- Gala 2016 (Mazaricos): Unha Gala para seguir unindo o Fútbol da Costa.
- Gala 2015 (Cee): O Outes, Iago, e Álex Pombo foron os protagonistas da II Gala do Fútbol da Costa – QPC.
- Gala 2014 (Dumbría): QPC entregou os premios do Fútbol da Costa 2013-2014.
- 2013: Presentación do Álbum: A noite das estrellas do Fútbol da Costa.