Martes. 19.03.2024
El tiempo

Pablo Conde: Só buscamos que a xente que saíu das categorías base se asente

Pablo Conde adestrador do Dumbria
Pablo Conde é o adestrador do Dumbria
Pablo Conde: Só buscamos que a xente que saíu das categorías base se asente

Despois de moitos anos no fútbol base do CF Dumbría, chegou o momento de que Pablo Conde Cives dese un salto importante na súa carreira como adestrador xa que este dumbriés se fixo cargo do banquiño do conxunto sénior do equipo do seu pobo.

Dende QPC quixemos falar co adestrador do Dumbría para coñecer as súas impresións e para saber como afrontan esta nova tempada no Grupo 2 da Primeira Galicia, a cal comezará este vindeiro domingo no Conco ante o Cordeiro.

  • QPC: Custouche moito decidirte cando che propuxeron cambiar o equipo xuvenil polo sénior?

P.C.: Este tipo de decisións sempre che dan respecto, pero eu sentinme moi arroupado pola miña familia e a directiva á hora de decidir. Levo 20 anos neste clube, e se crían que este era o momento adecuado, era moi difícil dicir que non.        

  • QPC: Como estás levando esta nova etapa á fronte do equipo sénior do CF Dumbría?

P.C.: Pois ben a verdade. Estouno desfrutando e intentando aportar o máximo posible. Xa coñecía a case todos os xogadores e eso faino moito máis fácil.

  • QPC: Como valorarías o plantel que tes para afrontar este novo curso futbolístico que comezades o domingo ante o Cordeiro?

P.C.: Somos un plantel moi pouco renovado con respecto ao ano pasado e con moitos xogadores xóvenes, pero que intentaremos competir o máximo posible ao longo do ano. Hai xogadores como Rivi, Yuyo, Darío, Matías ou Cespón que teñen experiencia nesta liga e que seguro van aportar moito.

  • QPC: Como viches ao teu equipo durante esta pretempada?

P.C.: As pretempadas son moi enganosas, porque son moi irreais, pero estou moi contento co traballo diario dos xogadores. Traballamos sobre o equipo que queremos ver, e espero que se vexa o antes posible.

  • QPC: Dos equipos costeiros da categoría, cales cres que pelexarán por estar na zona alta da clasificación deste Grupo 2 da Primeira Galicia?

P.C.: Difícil dicilo antes de comezar a liga, porque non sabemos moito dos demais equipos. Espero que os máximos posibles polo ben da Costa.

  • QPC: E cres que algún dos nosos equipos pasará apuros para salvar a categoría?

P.C.: Creo que todos podemos competir ben na categoría, pero xa sabemos que dependendo do ano e dos arrastres pódeste ver en problemas ou non.

  • QPC: Dentro do vestiario do Dumbría, que obxectivo vos marcades para a presente tempada?

P.C.: Non son eu moito de obxectivos a longo prazo. Só buscamos que a xente que saíu das categorías base se asente e sexa capaz de axudar e competir o maior número de minutos posible.

Comentarios