O San Ramón gáñalle ao At. Carballo a Copa da Costa de Veteranos a penaltis
Espectacular o duelo que están vivindo estes anos o At. Carballo e o San Ramón. O ano pasado o San Ramón conseguía o doblete vencendo na final da Copa ao propio At. Carballo, que viña de arrasar na 1ª Div. no ano do seu debut. Este ano, o At. Carballo sentenciaba a Liga non sen pasar moitas semanas igualados no alto da táboa.
E a sorte volvía a enfrontalos na nova final da Copa da Costa, disputada esta mañá no Pinguel. O partido prometía moita igualdade, e así foi, cun 2-2 final, despois de que Mario Rod., un dos mellores xogadores da Liga, marcase o empate para o San Ramón, no m.86.
O título tivo que decidirse na quenda de penaltis. Ata o 9º penalti tiveron que ir porque ninguén fallaba. David Villar metía o 9º para o San Ramón e foi Manu Guillamet o que fallou para o cadro carballés, dándolle o título aos laracheses.