Venres. 11.10.2024
El tiempo

A TRIBUNA FUTFEM

Vitorias e derrotas nesta 2ª Futfem que van deixando as cousas claras

A 4ª xornada que se disputa esta fin de semana pechará o primeiro bloque de partidos antes do descanso da ponte de defuntos. 
SD Ponteceso feminino
SD Ponteceso feminino
Vitorias e derrotas nesta 2ª Futfem que van deixando as cousas claras

A piques xa de que comece a rodar o balón na 4ª xornada da 2ª feminina, os encontros disputados a fin de semana pasada deixáronnos sensacións e resultados que parecen debuxar o papel que lle tocará desempeñar a cada un dos nosos 8 equipos. 

Co parón da vindeira semana, esta fin de semana que comeza pechará un primeiro bloque de xornadas onde 2 equipos da bisbarra se candidatan para pelexar o título, outros 2 equipos queren agarrarse ao vagón de cabeza, e os outros catro seguen a prepararse para intentar gañar os partidos que lles toque competir contra as rivais coas que compartirán a parte baixa das táboas clasificatorias.

Así, no grupo 4 o Mazaricos estivo moi preto de rascar os primeiros puntos da temporada, mais as choivas que anegaron A Picota na fin de semana fixeron que o terreo de xogo se volvese case impracticable e finalmente, o Victoria “C”, que viña de rascar un punto contra un dos cocos da categoría como é o Calo foi quen de derrotar ás pupilas de Borja con un solitario tanto na primeira metade do encontro. Ten o equipo da MZ unha nova oportunidade de estrear o seu taboleiro de puntos o próximo día 30, no que disputará o seu partido da 4ª xornada no campo dun Rois que non foi quen, tampouco, de puntuar nas 3 primeiras xornadas.

No grupo 2, as tres formacións costeiras acadaron sendas derrotas contra equipos da zona coruñesa que están a mostrar un nivel díficil de igualar para os nosos inexpertos equipos.

Nesta 4ª xornada, o Ponteceso enfrontárase a un Xuv. Crendes que a semana pasada sumaba os seus primeiros puntos ao derrotar á formación de Jorge Guillamet. Ás de Cerqueda, terán como rival a un dos candidatos ao título neste grupo 2, un Sp. Meicende que conta os seus partidos por vitorias.

Pola súa parte, o Corme caeu derrotado na casa contra un Pastoriza que viña de endosarlle os polémicos 31 goles ao Curtis. As de Rubén terán este domingo a oportunidade de sumarlle outros 3 puntos aos acadados na primeira xornada no Cairo, no seu desprazamento á terra das colistas do grupo, o CCD Curtis.

No grupo 4, ás dumbriesas de Fran caeron na casa ante un dos equipos, o Cacheiras, que apunta a ser protagonista na cabeza da táboa, e levan un camiño moi similar ao ex equipo do adestrador muradán, unhas Miudas que derrotaron con solvencia en terras de Compostela a un Vista Alegre que non foi quen de poñer en dificultades en ningún momento ás xogadoras muradanas.

Tanto o Dumbria como as xogadoras da Escola Deportiva Os Miudos acumulan 2 vitorias e 1 derrota, en ambos casos, contra os 2 equipos do Concello de Teo que forman parte deste grupo 4. Veremos nesta 4ª xornada se son quen de seguir enganchadas ao vagón de cabeza da clasificación. Un vagón que lideran con moita solvencia o Xallas e o Cee. Ambas escuadras volveron a obter unhas folgadas vitorias que as posicionan á fronte da clasificación despois de sumar os 9 puntos en disputa nestas primeiras xornadas.

Ás de Santa Comba pecharán este tramo inicial do campionato contras as súas veciñas do ADN, que, a priori, non parecen un rival difícil de bater para un Xallas que se está a mostrar moi firme e contundente. Máis interesante móstrase o derbi costeiro que enfrontará ao Cee co Dumbria. Parten as ceenses, á vista dos resultados destas primeiras xornadas, como favoritas. Mais, xa sabemos que un derbi é sempre un derbi, e calquera cousa é posible. 

Na Liga Promesas, o Derbi entre as carballesas da E.F. Luis Calvo Sanz e o Dumbria deixaba un avultado resultado á favor das bergantiñanas. A U.D. Cerqueda gañou o seu partido contra ás coruñesas do Orzán B sumando os seus primeiros 3 puntos.

Xa so quedan por sumar puntos nesta categoría as mozas do U.C. Cee que descansaba nesta segunda sesión da temporada. Terán unha boa oportunidade de estrearse nesta fin de semana.

  Moita sorte a todas.   

Comentarios