Denuncian a instalación dunha máquina de climatización para a Biblioteca de Laxe sen o consenso da veciñanza afectada
O Grupo Municipal do BNG en Laxe vén de presentar ao Pleno unha moción na que denuncia que o Concello executou a instalación dunha máquina de climatización na Biblioteca/Salón de Actos sen contar con acordo previo da comunidade de propietarios da que o propio Concello é copropietario. Trátase, segundo o BNG, dunha "actuación realizada ao marxe da normativa do réxime de propiedade horizontal e que está a xerar prexuízos reais á veciñanza".
A instalación, tal e como recolle a moción, "presenta deficiencias técnicas e de localización que están a afectar á habitabilidade e á seguridade das vivendas colindantes: emisións de aire a temperaturas extremas (entre 35 e 50 ºC no verán e entre 5 ºC e -5 ºC no inverno), ruído e vibracións transmitidas á estrutura do edificio, imposibilidade de apertura de fiestras por presión do caudal dos ventiladores e perforacións non autorizadas na fachada e nos cristais". Ademais, "a máquina foi colocada nun espazo soterrado que limita o funcionamento correcto do sistema, provocando que o aire viciado se expulse cara ás vivendas e espazos públicos", explican dende o BNG.
O BNG considera "inaceptable2 que unha administración pública actúe deste xeito, especialmente cando é copropietaria do inmoble afectado. “Non é de recibo que o Concello non escoite á veciñanza, que non solicite os permisos obrigatorios e que condicione a corrección das afectacións ao pagamento de taxas cando a instalación é de titularidade municipal”, sinala a moción presentada por Cristina Vázquez del Prisco, 2ª portavoz do Grupo Municipal do BNG en Laxe.
Por todo iso, o BNG propón ao Pleno os seguintes acordos urxentes:
- Recoñecer que a instalación foi executada sen acordo previo da comunidade de propietarios.
- Rexeitar a proposta final do informe técnico municipal por considerala insuficiente e carente da sinatura técnica necesaria.
- Non condicionar a avaliación e corrección da instalación ao pagamento de taxas nin á acreditación formal da representación veciñal cando existen indicios claros de afeccións á habitabilidade e á salubridade.
- Encargar de oficio un informe técnico independente, completo e debidamente asinado que avalíe acústica, vibracións, impacto ambiental, estrutural e urbanístico.
- Modificar, reubicar ou retirar a instalación se o informe constata incumprimentos normativos ou prexuízos ás vivendas e espazos comúns.
- Restituír os elementos da fachada e das zonas comúns afectadas, asumindo o Concello os custos das actuacións realizadas sen autorización.
- Garantir que calquera actuación futura en espazos comúns se faga previo acordo coa comunidade afectada, con transparencia e respecto á legalidade.
A portavoz do BNG en Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, subliña que “o Concello debe actuar con dilixencia e exemplaridade. A veciñanza merece ser escoitada e protexida; non imos permitir que se normalicen actuacións que perxudican a convivencia e a seguridade das persoas”. O BNG anuncia que seguirá vixiando o proceso e que esixirá a execución das medidas necesarias para reparar os danos e evitar novas afectacións.