Mercedes Pazos: 'Gustaríame que as mulleres que están pasando por unha situación de maltrato se atreveran a contalo'

Mercedes Pazos Allo (Viqueira, Laxe, 1961) presentou o pasado domingo en Laxe a súa obra 'El golpe de los cobardes'. Nela recolle distintas historias reais, propias e doutras mulleres, acerca da violencia machista. Esta laxense aprendeu desde cativa a amar a poesía e a prosa, unha paixón que levou a Mercedes a ampliar os seus coñecementos pola literatura. Aínda que nunca puido estudar unha carreira, 'iso non impediu que adquirise soltura ao escribir, porque o escritor non sei fai, senón que nace connosco', afirma. Falamos máis polo miúdo con ela.
- Con que historia se vai atopar a persoa que merque ‘El golpe de los cobardes?
Coa miña propia historia, desde o maltrato físico ao psicolóxico. Tamén fago unha pequena reseña acerca dun caso de maltrato sufrido por unha amiga, e a superación deste.
- Desde pequena tiveches paixón por ‘devorar’ lecturas. Cal é o primeiro recordo que tes de poñerte a escribir?
Aos 13 anos xa fixen algunha pequena novela, que acabou na papeleira, e algo de poesía.
- Co teu primeiro libro das a coñecer historias sobre violencia de xénero. Porque consideraches necesario escribir sobre isto?
Había moitos anos que quería escribir o meu caso. É unha maneira de sacalo do meu interior e de liberarme desa pesada pedra.
- Foi complexo volver recordar algún episodio persoal que conforma o relato?
Si. Por momentos tiven que parar porque se me facía moi duro.
- Trátase, pois, dun libro abertamente dirixido a mulleres...
Poida que si. A min gustaríame que todas as mulleres que están pasando por unha situación similar se atreveran a contalo e, sobre todo, a sair.
- Aínda que non es escritora de profesión. Que significa para ti a literatura?
Grazas aos libros adquirín todos eses coñecementos que agora xa sei, pero que naquel tempo non puiden permitirme. Non tiña os medios suficientes.
- Tes algún outro proxecto literario en mente?
Si. Estou escribindo outro libro. Desta volta, basado en casos reais dalgunha amiga que tamén quere contar o seu caso.