Licitadas as obras restauración da igrexa de Santa María de Atalaia de Laxe
A Xunta de Galicia acaba de licitar o proxecto básico de execución da restauración da igrexa de Santa María de Atalaia, en Laxe, na que se prevé investir 170.000 euros, e na que xa comezaron as primeiras actuacións para a recuperación do seu cruceiro e da cruz do testeiro, por valor de máis de 5.000 euros.
Un paso necesario para a conservación deste Ben de Interese Cultural, que forma parte dun dos edificios relixiosos medievais senlleiros da Costa da Morte, adscrito ao gótico mariñeiro ou tamén denominado galego.
En concreto, as intervencións que se prevén realizar na igrexa estarán centradas sobre todo en resolver os danos que se teñen detectado tanto na torre, como en determinados elementos escultóricos pétreos da fachada e do interior do edificio, ao igual que tamén se ten prevista a restauración do fresco de San Domingo de Guzmán.
En todo caso, o departamento de Cultura do Goberno galego xa ten en marcha as obras para recuperar o cruceiro, tras a aparición de gretas de relevancia, e tamén dunha das dúas cruces do testeiro, que sufriu danos tras o impacto da caída desde a cimeira da súa estrutura.
