Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Museo do Mar de Laxe recibe a doazón do último vestixio do Hospital de Pobres

Cruz de Pedra do Convento Dominico de Laxe
Cruz de Pedra do Convento Dominico de Laxe
O Museo do Mar de Laxe recibe a doazón do último vestixio do Hospital de Pobres

Singular doazón a que vén de recibir o Museo do Mar de Laxe. A Familia Rivera Dinis vén de ceder ao Concello unha cruz de pedra, testemuño deste antigo Hospital de pobres e enfermos, tamén coñecido Convento Dominico. 

A familia Rivera Dinis doando ao Concello de Laxe
A familia Rivera Dinis facendo a doazón co alcalde de Laxe

O Departamento de Cultural e Turismo Municipal, que agradece a xenerosidade da familia, ponnos en contexto:

Na Idade Media, a vila de Laxe pertenceu a diferentes casas nobiliarias, dos Traba aos Trastámara, do ducado de Arjona ao Condado dos Moscoso de Altamira que exercerían o seu poder desde o século XV ata finais do antigo réxime. Laxe era unha das saídas marítimas que tiñan estes poderosos condes e converteuse nun lugar de recalada das naves que realizaban diferentes rutas comerciais durante a época medieval e moderna.  

Durante o século XV, o comercio marítimo intensificouse, e na vila de Laxe, que tamén era un dos portos importantes de Galicia naquela época, erixíronse varios edificios co fin de potenciar e protexer este comercio marítimo. 

Durante este século remataron as obras da Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe, e na súa parte norte construirase unha troneira de canóns para defender a vila de calquera flota inimiga. Iso non impediu que Laxe tivese que soportar diferentes asaltos piratas durante máis de tres séculos. 

Os vestixios da arquitectura medieval de Laxe aínda son visibles na actual arquitectura urbana. Crese que polo menos Laxe debeu ter tres portas de acceso a vila, pero na actualidade so quedaría unha visible que é a porta real, situada na casa do Arco, a cal como corresponde estaría timbrada polo escudo real, como aquí sucede ao situarse no seu interior o do reino de Galicia. A vila de Laxe neste aspecto seguía un patrón urbano común a outras vilas costeiras e do interior como Viveiro ou Ribadeo. 

Grazas ao testamento de dona Urraca de Moscoso datado a finais do século XV sabemos que na vila de Laxe existía unha casa de curas ou primeiros auxilios para atender a enfermos tanto locais como os que chegaban por mar a través das diferentes rutas marítimas que unían Laxe con outras poboacións, moi probablemente situado preto da igrexa. (Rúa Hospital?)

Ademais deste “Hospital” existiu en Laxe unha casona de pedra situada ao final da actual Rúa Castelao, rodeada dunha gran cerca de pedra, rexentada por Dominicos que se dedicaban ao coidado dos pobres e mais necesitados, e que puido funcionar ademais como Lazareto para aquelas persoas que chegaban por mar con síntomas de enfermidades moi contaxiosas como podía ser a lepra. 

Esta casa atopábase naquela época distanciada da vila medieval, e tamén por medio dunha cerca de pedra que impedía o contacto entre veciños e enfermos. Nun deste muros da cerca atopábase esta cruz de pedra doada agora pola familia Rivera Dinis a este concello. O muro desta cerca e esta cruz foron visibles neste lugar ata ven entrado os anos 80 do século XX. 

A Casa do Pío, Convento Dominico, ou “Hospital” de pobres e enfermos, calquera denominación que lle deamos só nos indica que foi unha casa moi importante na nosa vila durante séculos da que nos queda por agora como testemuño esta cruz de pedra e unha foto do Arquivo Fotográfico Vidal na que podemos ver como era. 

COnvento Dominico-Hospital de Pobres de Laxe
O Convento Dominico nunha foto histórica de Laxe

Comentarios