Plan B Editora recupera a obra poética de Evaristo Martelo
A editorial pontecesana Plan B Editora acaba de sacar do prelo unha publicación que recolle unha selección de poemas de Evaristo Martelo Paumán.
Evaristo Martelo (1850-1928), aínda que nacido na cidade da Coruña, tivo durante toda a súa vida unha relación moi intensa coa Costa da Morte. Posuía propiedades no concello de Laxe pero a súa posesión máis prezada eran as Torres de Vimianzo, residencia habitual do poeta nas épocas estivais.
Martelo tivo unha relación moi estreita cos intelectuais do Rexurdimento, participou activamente nas tertulias da Cova Céltica e foi membro da Real Academia Galega. De ideoloxía carlista, a súa poesía reflicte os seus ideais e os seus proxectos de país.
A obra en poética en lingua galega de Martelo está conformada por 4 publicacións: Os afillados do demo (1885), Líricas gallegas (1894), Landras e baias (1919) e Andeiro (1922).
Este libro ofrece unha selección da obra de Martelo, a primeira publicación da súa obra feita despois da súa morte, nunha edición coidada, atractiva e cun aparato de notas que nos permitirán achegarnos con facilidade ao mundo poético do fidalgo soneirán.
A publicación en forma de libro compleméntase cunha páxina web, accesíbel cunha clave que se atopa no propio libro, na que poderemos acceder a contidos adicionais e descargar a antoloxía en formato electrónico.
Novas relacionadas
- Suso Lista e Suso Bahamonde seguen expandindo os seus libros.
- Nace Plan B Editora, unha editorial na Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).