Por unha aula para todos os cativos no CPI de Laxe


Seguen sendo os recortes duro cabalo de batalla para as familias de Laxe. Hai uns anos vímolos pelexando polo servizo de pediatría, e estes días están en pé de guerra por unha aula máis grande para a sección infantil do CPI Cabo da Area. Unha nova problemática coa educación no rural, esquecida dende sempre e sen apoios.
A problemática é que este ano en Laxe entran no centro 26 cativos en 4º de infantil, e dicir con 2 – 3 anos. Pero entran nunhas aulas preparadas para acoller como máximo a 20 alumnos. “Estamos no rural, e polo tanto non fan aulas grandes”, sinalan os pais e nais da ANPA, preocupados pola situación.
Uns pais que xa teñen falado con Fermín Granados, o inspector de Educación para esta zona, “quen nos atendeu pero sin resolvernos nada e remitíndonos ao Xefe Territorial Provincial, Indalecio Cabana. Levamos dúas semanas para que nos atenda, sen contestación pola súa parte, ata que nos derivou de novo ao propio Fermín”.
Non entenden a falta de interese das administracións despois de descubrir pola prensa que Indalecio estivo estes días por Cabana de Bergantiños e Carballo. “E sabendo a nosa problemática, porque tanto o inspector como as suas secretarias sabían o noso, nin sequera se dignou a visitarnos e ainda menos a darnos unha cita para atendernos, e sin solucionarnos nada por suposto”, critican.
Seguen en loita, con sinaturas colleitadas e enviadas cunha carta ao Inspector e ao Xefe Territorial, contando co apoio da Federación de Anpas da Costa da morte, do concello, e de todos os grupos políticos. “Pero de nada nos vale”, lamentan por agora os membros da ANPA.
Novas relacionadas
- Íntegro convertiu o cole de Laxe noutra Diversiescola.
- As Anpas Galegas conclúen en Vimianzo que hai que seguir mobilizándose polo ensino público e de calidade.
- A comunidade educativa, entre eles o CPI de Laxe, para ao completo contra a LOMCE.
- 2011: “Queremos pediatra tódolos días”.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).