Preguntan polo aparcadoiro alto do monte Cornaceiras
Dende o Círculo de Podemos Laxe manifestan hoxe a súa sorpresa sobre unha das últimas actuacións anunciadas polo equipo de goberno municipal, que consiste na creación de un aparcadoiro na contorna da capela de Santa Rosa, no alto do monte Cornaceiras.
”Dende o noso punto de vista non vemos mal que o citado lugar teña un lugar de estacionamento de vehículos”, facendo referencia a que o programa do PP nas eleccións de 2019 incluían un punto sobre dotación de zonas de aparcamento. “Pero a nosa reflexión é que, a sete meses da celebración das vindeiras eleccións, se esa actuación dá cumprimento ao prometido no seu programa, é que non entenden ás necesidades da nosa xente”.
Dende Podemos consideran que, tendo en conta a cantidade de xente que vén polo verán, “é moito máis necesario crear aparcadoiros nos accesos ao núcleo urbano que teñan unha función disuasoria para a comodidade dos que residimos o ano enteiro aquí”.
Por iso, consideran esta actuación ”insuficiente e que non resolve unha das múltiples reclamacións da veciñanza”. Asñi Podemos Laxe proporá “un plan de ordenación do tráfico que resolverá en gran medida un dos grandes problemas do casco urbano, especialmente a falta de espazo para estacionar vehículos.