Ángeles e Jaqui buscan relevo xeracional para os oficios do mar nos centros de ensino

A redeira Angeles Millé no IES de Baio

Vímolas fai pouco no IES da Ponte do Porto, e seguen a espallar os oficios do mar por outros centros de ensino. Un xeito inmellorable de dignificar a profesión e buscar o necesario relevo xeracional.

Esta semana, Ángeles Millé, preisdente da Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica e secretaria de ANMUPESCA, xunto con Jaqui Lista, mariscadora e patroa de barco de Camariñas, achegáronse ao IES Maximino Romero de Lema de Baio para contarlle como se traballa no noso mar ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO o traballo destas mulleres da man dunha delas.

A mariscadora Jaqui Lista no IES de Baio

Angeles, que vén de recoller recentemente un premio a nivel estatal, describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai estas profesionais e as actividades de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe e cuxa loita conseguiu para este sector a cualificación profesional da súa actividade.

Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.

A actividade que espalla a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título “As mulleres da pesca: traballo invisible, pero esencial” constituída por trinta fotografías de mulleres desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata finais de mes.

Máis novas