Relevo Xeracional no Mar de Muxía para un armador aos 28 anos: ”A min tiroume dende o principio”
- A súa embarcación, de palangre, é das poucas que van ao congro da comarca, e dá traballo a 6 familias
- Os problemas cas cotas: “Temos que comprar o peixe para pescalo?
Seguimos afondando nunha das maiores problemáticas ás que se enfronta o sector do mar: o relevo xeraciona. Temos atracado xa por portos como Laxe; Muros, Malpica ou Muxía. Hoxe voltamos á vila da Barca pero para falarmos cun deses exemplos que nos dá esperanza. Iago Guisamonde é armador e patrón dunha embarcación con tan só 28 anos.
”A min tiroume dende o principio. Meu irán comprou un barco, fun traballar con el. Fun medrando e agora xa son armador, comprei un barco hai 3 meses”, explica orgulloso. “A min gústame todo do mar, menos os días que non pescamos, claro”, bromea.
Da quinta do 92, é certo que en Muxía apenas hai un grupo de 7-8 rapaces no grupo de idade que andan ao mar. “Somos moi pouquiños” da nosa xeración de entre 25 e 35 anos, recoñece. “Á rapazada non lle tira”. Agora afincado en Cee, os seus colegas son carpinteiros, mecánicos… pero ningún anda ao mar. “Iso si, mándolle fotos dos menceres, de congros grandes, vídeos de temporais… e flipan bastante”, apunta.
Sobre a situación do relevo, considera que “os barcos do cerco teñen menos problemas”, en portos como Camariñas ou Portosín. “É un oficio traballoso tamén, pero son 4 días de traballo, e o certo está funcionando mellor economicamente, e hai máis postos de traballo”, explica.
A vocación levouno de grumete a armador
”Para min é algo vocacional. Enganchoume dende o principio, a verdade é que me encanta. Empecei de mariñeiro raso ata estar de armador por esas gañas de prosperar ao gustarche tanto o mar”, relata. “Agora teño un barquiño xeitoso de 14 metros, e empregamos outras 4 persoas, 3 muxiáns e un fisterrán”.
Congro
O de Guisamonde é unha das poucas embarcacións de Muxía (a outra é a do seu irmán, e algunha máis en Fisterra) dedicados case en exclusiva ao congro, esa especie tan singular, máis consumida en lugares como Calatayud que en Galicia, que deixa as fermosas estampas etnográficas dos secadoiros.
”Nós andamos ao palangre e o que máis pescamos é congro, case exclusivo todo o ano, menos na época da xarda, que temos que cambiar todo o barco. Este ano foi apenas unha semana de traballo porque hai moi pouca cota, outro dos grandes problemas)”. O congro véndese no muro da Lonxa da Coruña, e as familias dos secadoiros se queren comprar o congro teñen que ir á Coruña.
As eivas: a cota
”A problemática máis grande son as cotas”, sinala con rotundidade. “Nós no congro non temos cota, é o bo que ten, só devolvemos o que non dá a talla. O congro é un peixe barato pero a base de quilos imos safando”, explica. Pero é perfectamente consciente de que a cousa non é así para todas as artes: “Os repartos están moi mal feitos. Non pode ser que 70 barcos vascos leven o 45% da cota, e o resto da zona cantábrica leven o 65%”. Pon o exemplo da pescada, “temos unha cota insignificante. Os barcos se queren gastar a cota gástana en 3 semanas. E despois hai quen andan comprando cota… Temos que comprar o peixe para pescalo?”, pregúntase contrariado.
A situación é tan grave que “moitas veces temos que estar escapando dalgún peixe. Ten que haber control, por suposto, pero tiñan que deixarnos traballar”.
As eivas: “O traballo é duro”
Non engana a ninguén Iago. “No mar a problemática son os horarios, o traballo é duro, son moitas horas mallando. O mínimo que facemos son 12 horas”.
Así nos debulla un día normal: “Saímos ás 3:00h, os tripulantes van cortando carnada mentres imos de camiño, ás veces paramos na punta do muelle, e outras a 2 horas de terra, depende.
Comezamos a largar os anzós, ata 6:30h, durmimos un anaco, e ás 8:00 empezas a levantar. Ás veces rompe, é complicado… e ata as 14:00h botas levantando. No palangre, o bo que ten é que a selección do peixe xa a vas facendo, pois é algo totalmente artesanal, pasan todos os peixes pola túa man, os que devolves van perfectamente vivos. É unha arte moi selectiva.
Despois ao volver a porto, toca facer caixas, meterlle xeo, cargalo para a furgoneta para mandalo para o muro, e vas para casa pasadas as 15:00h-16:00h”, relata.
A esta dureza do traballo hai que engadirlle a relativa incerteza do que vas cobrar. O proceso de cobro, como en outros moitos barcos, é ao 50% entre armador e tripulantes unha vez descontados os gastos. Pero “hai meses que son moi bos, pero tamén os hai malos”. Na primeira quincena de febreiro, por exemplo, apenas puideron saír 2 días ao mar. ”Os gastos segue habéndoos, non tantos pero hai. Así que o mes foi moi cativo para todos”, recoñece.
En todo caso, facendo unha media anual considera que calquera tripulante adoita facer arredor dos 1.400€/mes.
A inutilidade das axudas
Precisamente o tema das axudas é un dos máis manidos no sector, denunciando que máis serven para marchar que para manterse no mar. Hai unhas axudas específicas para a compra do primeiro barco, enfocadas a fomentar o relevo xeracional, pero comprobamos neste caso a súa ineficacia.
”Pedín axudas e veume denegado por algo así como segmento en desequilibrio. Aínda non me explicaron que significa, e iso que cumpría todos os requisitos de ser menor de 40 e ser o primeiro barco”, lamenta enfadado.
Por iso, ante toda esta situación pide “máis facilidades, máis axudas, porque hai que lembrar que por exemplo só nós, damos traballo 6 familias”.
Novas sobre o mar
- Relevo Xeracional no Mar de Muxía: “Do mar se vive moi dignamente. Pero imos cara á destrución do sector”.
- Relevo xeracional no mar de Laxe: “Non peleo máis” .
- Relevo xeracional no mar de Muros: “As nefastas políticas pesqueiras e a incerteza laboral acaban con nós” .
- Relevo Xeracional no mar en Malpica: "Por mor das cotas, tes un barco para ir á pescada e acabas apartando dela”.
Novas sobre a Pesca artesanal
- 2020 en Malpica: “O mar necesita cotas xustas que permitan que as empresas sexan sostibles” .
- 2019: O Fondo Europeo Marítimo e da Pesca esquece a pesca artesanal galega.
- 2018: 4 visións costeiras da visita da pesca artesanal galega ao Parlamento Europeo.
- Outubro 18: “Queremos que Europa trate dun xeito diferenciado á pesca artesanal deixándonos fóra do TACs e as cotas”.