mércores. 07.01.2026
El tiempo

A Cabalgata encheu Buño e Malpica de maxia e ilusión

Cabalgata Malpica 2026 2
A Cabalgata encheu Buño e Malpica de maxia e ilusión

Máxica a chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente a Malpica e Buño, nunha xornada do 5 de xaneiro chea de actividades dirixidas especialmente ao público infantil.

Durante a tarde, Buño acolleu a recepción dos Reis Magos organizada pola AVSC O Quinteiro, cun programa que incluíu un obradoiro infantil para a elaboración de carteis de benvida, cantos dedicados ás súas Maxestades, a recepción oficial e unha chocolatada popular no Parque Luciano García Alén.

Cabalgata Malpica 2026 1

Xa pola tarde-noite, ás 19.00 horas, deu comezo en Malpica a cabalgata dos Reis Magos, que saíu desde o Centro Cívico. A comitiva estivo formada por un vehículo de Protección Civil, dous pasarrúas con zancudos, un malabarista, tres músicos de ASACOCIRCO, catro pingüíns xigantes de Boneca Lareta e un segundo vehículo de Protección Civil con carroza real e carromato musical.

O percorrido discorreu pola rúa Ventorrillo, rúa Emilio González López, praza Anselmo Villar Amigo, rúa Eduardo Vila Fano, Cruceiro, Porto, Dársena e Casa do Pescador, onde tivo lugar a recepción oficial das súas Maxestades.

Cabalgata Malpica 2026  3

Cabalgata Malpica 2026 Reis

Á chegada á Casa do Pescador, o alcalde de Malpica recibiu aos Reis Magos na porta principal e acompañounos ata o balcón do ISM, desde onde tivo lugar o saúdo institucional. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, deu a benvida ás súas Maxestades destacando o carácter mariñeiro da vila: “Chegades a unha vila mariñeira, rodeada polo mar, polo son das ondas e polo traballo de xente valente. Chegades a un pobo que mira cada día cara ao océano, onde os barcos buscan o abrigo do porto e as redes se preparan co mimo, e onde as Sisargas nos lembran o orgullosos que estamos da nosa terra”.

O rexedor deulle a palabra a Melchor, que se dirixiu ás nenas e nenos de Malpica, lembrando a importancia de manter a ilusión e sinalando que “a ilusión é unha luz pequeniña, pero moi poderosa, que vos acompañará sempre”.

Cabalgata Malpica 2026 Eduardo Parga
O alcalde Eduardo Parga no palco da Casa do Pescador

A xornada pechouse co encontro das súas Maxestades coa infancia na praza Anselmo Villar Amigo, antes de continuar a súa viaxe nocturna polos fogares do municipio.

A visita das súas Maxestades continou o martes 6 de xaneiro por Santiso, Beo, Mens, Barizo e Seaia, en colaboración da ACD San Xulián.

Comentarios