Cesan a Alfredo Cañizo como membro do grupo de goberno de Malpica
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, cesou na mañá de hoxe das súas funcións a Alfredo Cañizo, ata o momento concelleiro delegado de Servizos, Mar, Turismo, Festexos e da Mostra da Olaría.
O rexedor mantivo unha reunión co edil na que lle trasladou a súa decisión, motivada tras as “continuas desavinzas que o concelleiro mantén con distintas entidades do municipio”, manifestou.
O edil pasará de novo a ser o único edil de AIM, despois de saír tamén do anterior goberno socialista na lexislatura anterior favorecendo unha moción de censura que puxo a Eduardo Parga domo rexedor.
O propio Parga explicou agora que o pacto de goberno co edil baseouse na necesidade de establecer un goberno estable para Malpica e, así, poder desenvolver un programa de goberno que permitira seguir avanzando no crecemento do municipio, como así se fixo coas numerosas actuacións que foron realizadas durante este último ano de mandado tras as eleccións municipais de maio de 2023.
Malia todo, como alcalde “non podo manter as funcións dun edil que nos últimos meses creou unha brecha moi importante con entidades representativas do municipio”, indicou Parga, que asegurou que “tratei ata o último momento de buscar unha vía de entendemento coas entidades, mais a día de hoxe entendo que non é factible”.
Por esta razón, o alcalde indicou que tomou a decisión de cesar nas súas funcións a Alfredo Cañizo, “a miña obrigación é escoitar aos veciños e buscar solucións aos problemas que me trasladan. Hai liñas que non se poden cruzar e eu, como alcalde, que ten o deber de representar a cada un dos veciños, independentemente da súa ideoloxía ou afinidade política, teño que defender os intereses xerais e entendo que isto é o mellor para o municipio”.
Baixo esta premisa “temos que buscar solucións. Non vale de nada o conflito permanente, senón buscar como arranxar os problemas, o diálogo e o respecto ás entidades e aos demais. Aquí hai unha falta de entendemento con colectivos
moi importantes de Malpica que, lamentablemente, non podo permitir que continúe. E así llo trasladei ao concelleiro”.
Parga agradeceu a Cañizo “a súa colaboración durante este tempo” e lamentou “que se crearan situacións de carácter irreconciliable que están distanciando ao Concello de diferentes entidades que son fundamentais na vida social de
Malpica e que eu, como alcalde, non podo deixar pasar por alto”.
Nos próximos días, o alcalde dará a coñecer a redistribución das áreas de goberno, aínda que apuntou que levará “de forma persoas as relacións con esas entidades e colectivos. Os seus obxectivos teñen que ser os nosos e nese
camiño temos que atoparnos”.