O Concello de Malpica culmina o seu proxecto de modernización dixital
O Concello de Malpica presentaba a pasada semana os resultados do seu proceso de transformación dixital, executado no marco do proxecto Concello Dixital da Deputación da Coruña. Responsables políticos e administrativos coñeceron nunha presentación os resultados de tres meses de traballos conxuntos entre ambas entidades.
Todas estas actuacións están encamiñadas a mellorar a eficiencia administrativa do concello. A idea do proxecto é facilitar o traballo do funcionariado, pero son conscientes de que hai que ir con moito tino, porque axudar e molestar están moi preto.
No caso malpicán, dende a administración provincial quedaron moi satisfeitos coa implicación do funcionariado, e apuntan a necesidade de que dende os Concellos se trabale coa cidadanía, achegando a tramitación burocrática dixital con cursos nas Aulas CeMit ou con persoal de apoio nas bibliotecas, por exemplo.
No que atinxe a situación actual, o proxecto mellora os tempos de primeira resposta e resolución a uns veciños e veciñas que xa poden obter os seus certificados dixitais na Oficina de Rexistro Cl@ve municipal, e que utilizan máis a Sede Electrónica do seu concello. Así, os indicadores de valoración e de uso do portelo dixital amosan un maior uso e tamén unha boa valoración xeral, entre a que destaca a outorgada pola cidadanía ao Portal de Transparencia.