Os Concellos solicitan axudas para rehabilitar o seu patrimonio en zonas de Rede Natura
Achegábase este venres cunha completa delegación da Xunta de Galicia para presentar as axudas a proxectos de rehabilitación en zonas afectadas pola Rede Natura. Acompañados polo equipo de goberno, os responsables autonómicos apuntaron que a Xunta recibiu máis de 300 solicitudes por parte de concellos, titulares de terreos agrícolas e forestais e asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio de toda Galicia para acollerse á orde de axudas convocada este ano para apoiar proxectos dirixidos á posta en valor dos espazos Rede Natura. A poucas semanas de que se resolva a convocatoria, a previsión do Goberno galego é esgotar os 2,4 millóns de euros do crédito reservado a este programa para as anualidades de 2022 e 2023.
Son Axudas para a rehabilitación de elementos históricos, culturais ou etnográficos. O importe máximo das axudas no caso de que o promotor da iniciativa sexa un concello en Rede Natura 2000 é de 20.000 euros e para particulares e asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio, de ata 12.000 euros.
Precisamente a visita tivo lugar nun espazo ao carón do río Vaa, na parroquia de Vilanova de Santiso para coñecer unha das actuacións que se financiaron no municipio con cargo á orde de axudas 2020-2021.