Un condutor atropela unha terraza en Malpica e marcha pero é interceptado pola Garda Civil quintuplicando a taxa máxima de alcolemia
Este domingo, arredor das 22:40h, un home duns 60 anos batía co seu vehículo contra a terraza dun bar de Malpica, ferindo un cliente que estaba con dous menores. Tras a colisión, o condutor deuse á fuga arrastrando por debaixo do motor unha bicicleta que se atopaba nas inmediacións do bar, abandonando o lugar sen axudar ás posibles vítimas.
O vehículo foi finalmente interceptado na zona portuaria de Malpica por un auxiliar da Policía Local e un garda civil fóra de servizo. As probas de alcoholemia realizadas ao condutor deron un resultado de 1,20 mg/litro no aire exhalado, continuando o traxecto cunha taxa de alcol en sangue cinco veces superior ao permitido.
Impútaselle un presunto delito contra a seguridade viaria por exceder a taxa de alcol e podería enfrontarse a outro delito de abandonar o lugar do accidente. As penas ás que se pode enfrontar inclúen prisión de tres a seis meses, multa de doce a vintecatro meses ou traballos comunitarios de trinta e un a noventa días.