De exposicións e mercados en Malpica


Estes días está aberta no Centro Cívico de Malpica unha exposición da ONG Tierra de Hombres que trata de sensibilizar á poboación sobre a trata de menores. Unha exposición que non deixa a ninguén como estaba, e que está aberta de 8.00 a 15.00 e de 15.30 a 20 horas, de luns a venres; de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, os sábados, e de 19.00 a 21.00, os domingos.
A gran cita será a presentación oficial da organización en Malpica, cunha obra de teatro a cargo do grupo de teatro “Os Amigos de Malpica”, que dirixe Andrés Mourente. A cita será o sábado 12 de abril, para pechar a Mostra, e arrincará coa proxección dun vídeo da ONG e rematará coa obra de teatro “Mañanciñas de sol”. Unha gran ocasión para achegarse ao corazón de África.
Campaña de Promoción do Mercado Municipal
Ademais, o O Concello de Malpica, a través da Concellería de Turismo, e en colaboración cos praceiros, vén de poñer en marcha unha campaña de promoción do mercado municipal. A iniciativa arrinca nestas datas previas coa intención de animar as compras de cara á Semana Santa, pero a intención do goberno municipal é mantela de forma continuada ao longo de todo o ano.
A iniciativa inclúe ofertas semanais e sorteos entre os clientes dos postos. As primeiras ofertas serámn en carnicería emais en peixería, tratando de axudar ás economías familiares dunha forma directa, con descontos en produtos de primeira necesidade. A segunda fase, que se porá en marcha nos próximos días, incluirá o reparto de boletos entre os clientes para un sorteo final dun importante premio, que se dará a coñecer no seu momento.
O goberno municipal traballa na articulación dos mecanismos legais que permitan abrir ao público os postos que seguen vacantes.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).