![A mostra pode visitarse ata o vindeiro luns en horario de mana e tarde]()
A mostra pode visitarse ata o vindeiro luns en horario de mana e tarde
O centro Cívico de Malpica acolle ata o vindeiro luns, 18 de abril, a exposición
"Nicaragua: o futuro", do
Fondo Galego de Solidariedade e Cooperación.
Felipe Carnotto, gañador do concurso Imaxes con Fondo II en 2014, viaxou a Nicaragua durante o mes de xuño de 2015 para visitar os proxectos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade realiza co Instituto de Promoción Humana-Somoto no Departamento de Madriz. Nesta mostra, o autor ofrece unha perspectiva en chave persoal sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación nicaraguana.
Felipe Carnotto naceu en São Paulo - Brasil -en 1986. Radicado en Vigo, Carnotto é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pontificia de Salamanca. O seu traballo publícase en medios como The Guardian, Der Spiegel, El País, ABC ou a revista Luzes, entre outros. Posúe un posto de honra nos IPA Awards.
A exposición consta de 24 paneis, dos que 20 son as fotografías máis representativas da estadía de Felipe Carnotto en Nicaragua e 4 son paneis de carácter informativo sobre as accións de cooperación do Fondo Galego no país centroamericano.
A mostra pode visitarse de luns a domingo en horario de mañá e tarde.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Malpica