venres. 29.05.2026
El tiempo

A Deputación estudará a construción dunha senda peonil na estrada de Beo a Porto do Fondo

  • Mentres, o pleno da Deputación deu luz verde ao proxecto de mellora de firme con mestura bituminosa en quente na DP 4307, Malpica a Ponteceso.
Eduardo Parga e Valentin Gonzalez Formoso
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga,
A Deputación estudará a construción dunha senda peonil na estrada de Beo a Porto do Fondo

O Concello de Malpica e a Deputación mantiveron unha xuntanza na que o alcalde trasladou ao presidente provincial a necesidade de estudar a construción dunha senda peonil na estrada provincial DP 4307, no tramo que comunica Beo con Porto do Fondo. Formoso comprometeuse a analizar esta proposta cos servizos técnicos do departamento de Vías e Obras da Deputación, co obxectivo de avaliar a súa viabilidade e as posibles solucións técnicas para mellorar a seguridade viaria na zona.

O presidente da Deputación subliñou que a institución provincial “estudará co departamento técnico de Vías e Obras esta demanda do Concello de Malpica para valorar a mellor resposta posible”.

Formoso e Parga abordaron tamén os investimentos realizados pola Deputación no municipio durante os últimos anos, que suman 14,4 millóns de euros desde o inicio da presidencia de Formoso. A metade desa cantidade, 7,2 millóns corresponden ao Plan Único, o principal instrumento de cooperación municipal da Deputación, que permite aos concellos decidir as súas prioridades e executar actuacións adaptadas ás necesidades reais da veciñanza.

No caso concreto de Malpica, o Plan Único permitiu financiar 60 obras destinadas á mellora de infraestruturas, servizos públicos e equipamentos locais. Entre as actuacións destacan a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Pedra Queimada, recentemente adxudicada, así como a mellora de numerosas pistas e camiños municipais nas diferentes parroquias do concello.

Nova obra

Mentres, o pleno da Deputación deu luz verde ao proxecto de mellora de firme con mestura bituminosa en quente na DP 4307, Malpica a Ponteceso, cun investimento de 447.992,52 euros. A actuación desenvolverase nos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 0+300 e 0+500, 2+900 e 4+080, e 11+870 e 12+600, nos concellos de Malpica e Ponteceso.

Comentarios