mércores. 15.04.2026
El tiempo

O GALP Costa da Morte avalía os proxectos apoiados en dúas xornadas abertas

Xornadas GALP
O GALP Costa da Morte avalía os proxectos apoiados en dúas xornadas abertas

Despois de xestionar varias convocatorias do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, chega o momento de facer a avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte.

O principal obxectivo deste traballo é o de ver o impacto e resultados que tivo a aplicación da citada estratexia no territorio. Facendo eco do enfoque participativo deste programa, dende o GALP considérase que é moi importante contar opinión de todas as persoas e entidades do territorio, que dalgún xeito poden contribuír ao desenvolvemento desta zona costeira.

Por este motivo, o GALP Costa da Morte inicia un proceso de participación aberto, que pretende ter en conta as achegas e valoracións do conxunto de axentes do territorio, a través da realización dunha serie de enquisas e  de reunións para presentar os resultados obtidos ate o momento, poder emitir unha valoración e propoñer melloras na estratexia ou a xestión do programa.

As reunións inmediatas que se van a celebrar son:

Mesas Sectoriais de Análise e Proposta

Estas reunións diríxense a todas as persoas, institucións e entidades do territorio, e realizaranse o xoves 16 de abril no Centro de Artesanía e Tradición de Buño - CAT (A Camposa s/n, Buño, 15111 Malpica de Bergantiños):

  • 10:00 horas. Mesa institucional. Esta mesa é aberta a todos os representantes institucionais, axentes de emprego e desenvolvemento local e persoal dos concellos que forman parte do GALP, co fin de poder poñer en valor e avaliar as iniciativas desenvoltas a nivel municipal, vendo o seu impacto no territorio.
  • 18:00 horas. Mesa dos sectores pesqueiro, económico e social. Dirixida principalmente a todas as entidades socias do GALP, tamén é aberta a todas as entidades e persoas dos diferentes ámbitos. 

Espazo Proxectos

Esta reunión diríxese a todas as persoas solicitantes ou promotoras de proxectos do programa de axudas, e terá lugar o martes 21 de abril en quenda de mañá e de tarde:

  • 10:00 horas. Realizarase no espazo Agocho do Bico (Praza Colón, 5, 15123 Camariñas).
  • 18:00 horas. Realizarase no espazo La Ratona (Porto de Barizo 17, 15113 Malpica de Bergantiños).

Dende o GALP insístese en que a participación é moi importante, de cara a poder axudar ao GALP a optimizar a xestión do programa, facendo que este se adapte as necesidades do territorio e mellore as condicións socioeconómicas da Costa da Morte.


Situación do Programa de Axudas 

O GALP Costa da Morte dispón de sete millóns de euros en axudas para a aplicación da estratexia do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da acuicultura, nesta zona costeira, no período 2023-2029, dos cales mais de 5,6 millóns de euros van destinados a axudas de promotores. A 31 de decembro de 2025, xa foron aprobadas axudas por importe superior aos 4 millóns de euros, ao redor do 58% do total, dos cales máis 2,7 millóns corresponden a proxectos xa executados e o resto a iniciativas que están actualmente en fase de execución. 
En canto ao investimento total aprobado (axuda + investimento privado), foi superior aos 8,2 millóns de euros, dos cales algo máis de 5 millóns corresponden a iniciativas xa executadas a 31-12-2025.

En canto a tipoloxía, algo máis de 5,2 millóns de investimento (axuda + investimento privado) corresponde a iniciativas empresariais, algo máis de 1,6 millóns, corresponden a proxectos de confraría e asociacións do sector pesqueiro,  entidades públicas locais e organizacións sen ánimo de lucro. O importe restante, corresponde aos custes aprobados de xestión do programa e iniciativas de sensibilización e animación do GALP Costa da Morte, dos cales se levan executados ata o momento ao redor de medio millón de euros. 

Gracias a estes fondos europeos, no programa de axudas, creáronse 11 empresas e 19 empregos directos, a xornada completa, nos proxectos subvencionados xa en funcionamento.

2,5 millóns pendentes de asingar

Dende o GALP Costa da Morte, queren animar a todo o tecido socio-económico do territorio a participar nas xornadas de avaliación, estando nun momento importante para analizar a realidade da nosa zona costeira e intentar conseguir a mellor execución posible, con  preto de 2,5 millóns de euros, dispoñibles para os vindeiros anos, en axudas directas a iniciativas empresariais, de confrarías de pescadores, entidades públicas ou entidades sen ánimo de lucro, a proxectos relacionados co mar. Esta análise axudará a decidir se o programa vai na boa dirección ou é necesario realizar axustes para unha mellor adapatación ás necesidades da zona.


 

Comentarios