xoves. 01.05.2025
El tiempo

Inaugurada a Mostra da Olería de Buño

Inaugurada a Mostra da Olería de Buño
O pasado venres, 5 de agosto, inaugurábase a XXVIII Mostra da Olería de Buño. Ata Buño desprazáronse para participar no acto, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, o presidente da Deputación, Diego Calvo, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro. No acto de apertura, Nava Castro salientou a relevancia da Mostra como “principal escaparate da calidade e da creatividade da olería de Buño e coma un referente para a olería galega”. Castro lembrou que “un dos grandes problemas da artesanía tradicional é a falta de relevo xeracional neste tipo de oficios, e salientou que dende a Consellería de Economía e Industria estase a traballar para paliar esta situación”. Por último, a directora xeral de Comercio cifrou en 15.000 euros a cantidade coa que a Xunta colabora na organización deste evento, que calificou  de “referenza do verán galego no tocante á divulgación da olería”. Aberta ata mediados de mes A Mostra da Olería de Buño estará aberta ata o vindeiro 15 de agosto en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h. Conta cunha gran variedade de actividades nas que se combinan a venda directa de pezas, demostracións en vivo e obradoiros prácticos. Como complemento á  Mostra, desenvólvense actividades paralelas con exposicións de olería, pintura e encaixe; obradoiros de barro para nenos, concertos e actuacións de danza tradicional. Durante a celebración da Mostra tamén estarán abertos ao público o “Ecomuseo do Forno do Forte” e mais o “Centro Comarcal de Bergantiños”, que ten á disposición dos visitantes o “Centro de Documentación “O Alfar” e mais a “Colección Luciano García Alén”, dedicada á olería tradicional de Galicia. Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta de Galicia.

Comentarios