martes. 26.05.2026
El tiempo

Intentan promover a remuda xeracional na olería de Buño

Oleria de Buno remuda Xunta
Intentan promover a remuda xeracional na olería de Buño

É o relevo xeracional un dos cabalos de batalla que afronta a nosa comarca. Oficios como os do mar, ou as artesanías precisan que as novas xeracións vaian asumindo un rol protagonista para manterse vivos. 

Así o entende a Xunta, que impulsa remuda xeracional na olería tradicional de buño a través do seu programa ‘Aprender da tradición. oficios e técnicas’, impulsado pola Xunta desde o ano 2023. De feito, onte tiña lugar a última sesión do ‘Perfeccionamento en técnicas da olería tradicional de Buño’, impartido por Antonio Pereira O Rulo. Acodiron a vela á Casa do Oleiro de Buño o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto coa concelleira Noelia Freijeiro.

Trátase da terceira acción formativa especializada centrada integramente nas formas e acabados tradicionais da olería de Buño, tras os cursos desenvolvidos entre os anos 2023 e 2025. Buño é un dos principais centros de olería tradicional activos en Galicia e o que conta na actualidade cun maior número de obradoiros artesanais.

A celebración destas formacións especializadas reflicte a aposta da Xunta pola remuda xeracional nos oficios tradicionais e, de maneira especial, na olería de Buño, xa que nestes cursos participan tanto oleiros e ceramistas profesionais como novos talentos interesados en incorporarse ao sector artesanal. Esta aposta abarca iniciativas como a futura e nova liña de 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais.

Comentarios