Malpica, lista para o Corpus e o San Adrián
A praia aínda non vai estar. As obras continúan no areal e no paseo, pero o que si está listo para a fin de semana do Corpus e do San Adrián (do 20 ao 22 de xuño) é o dispositivo de seguridade. Así o acordaron onte no Concello a comisión de festas, cos representantes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil.
A Policía Local de Malpica reforzará a súa presenza nas rúas cun total de 11 axentes durante a xornada do venres, 12 na do sábado e 7 na do domingo. Pola súa banda, a Garda Civil prevé a intervención dun equipo formado por preto de vinte persoas na noite do venres, e unha decena tanto o sábado coma o domingo. Algúns dos axentes patrullarán de paisano para exercer un control máis eficaz nas zonas de máis aglomeracións e evitar a acción dos delincuentes na medida do posible.
Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza tamén refozada dos servizos de emerxencias de Protección Civil e unha ambulancia.
Ademais, estarán dispoñibles 2.000 prazas de aparcamento.
As festas de Corpus e San Adrián converten Malpica, tradicionalmente, no punto de encontro de milleiros de persoas, sobre todo no día grande de San Adrián, ao que venera unha multitude chegada dende distintos puntos de Galicia. Este ano agárdase gran afluencia non só o día da romaría ou da procesión de Corpus, moi arraigada na vila, senón tamén polas noites debido á gran calidade do programa elaborado pola comisión de festas.
Novas relacionadas
- O novo Paseo Marítimo de Malpica estará listo antes do 30 de xuño.
- Xa chega a Romaría de Santo Hadrián.
- En bici ao San Adrián de Malpica.
- 2008: A Romaría do Santo Hadrián de Malpica é declarada festa de Interese Turístico.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).