venres. 06.12.2024
El tiempo

Malpica, o porto dos soños, o mar de Sisargas

Malpica, o porto dos soños, o mar de Sisargas

Pesca, olería, gastronomía, natureza, deporte turismo, e mar, moito mar. Estes son os eixes da nova campaña do Concello de Malpica coa axuda dos GAC. Uns Grupos de Acción Costeira que están deixando de lado ás empresas para centrarse en campañas institucionais e promocionais dos Concellos do país. Se xa estivemos ollando campañas en Muxía ou en Vimianzo, hoxe os fondos europeos se empregan nesta campaña do Concello de Malpica.

Un concello que xa presentou a imaxe gráfica do proxecto inspirada na balea do pintor Urbano Lugrís e nas illas Sisargas, así como o spot promocional xa subido ás redes sociais.

Presentación do proxecto Malpica. Mar de Sisargas Logo inspirado na balea de Lugrís do proxecto Malpica. Mar de Sisargas

“Malpica. O mar de Sisargas” pretende servir de dinamizador do turismo a través de dúas liñas de actuación principais baseadas no desenvolvemento dunha ferramenta TIC de alto valor para o sector turístico e na creación dunha rede de dinamizadores para que os axentes locais se convertan nos auténticos embaixadores malpicáns.
Así, a través da tecnoloxía móbil, como a Realidade Aumentada, pretenden facilitar a información turística a todo visitante dende o seu teléfono, cada vez máus utilizado como demostran os últimos datos, que apuntan que un 43% dos usuarios se conecta a diario a través destes dispositivos, ata un 210% más que en 2011. E paralelamente as redes sociais serán outros dos alicerces de dinamización.

Textos e audios compleméntanse con fotos actuais e antigas recuperadas do Arquivo Fotográfico Municipal cedido polo historiador local Xurxo Alfeirán. As imaxes transportarán ao visitante á Malpica do pasado para contrastala co presente: a primeira ampliación do porto nos anos 30; ao murallón e a rampla de Don Anselmo, bautizadas co nome do promotor. Un lugar desde onde os mariñeiros miraban ao mar para saír faenar ou onde sobordaban botes, traineras e rapetóns, como os que construía o artesán Carrillo no estaleiro de Canido. No relato da historia local, centrado na primeira metade do século XX, o proxecto “Malpica. O mar de Sisargas” non se esquece de que a vila foi o porto baleeiro máis importante deste tramo da Costa da Morte xunto con Caión (A Laracha).

Tampouco de que é un dos portos de pesca artesanal máis importantes de Galicia nin que a actividade pesqueira atrae e cativa aos visitantes que se achegan ata a zona portuaria, un dos centros neurálxicos da vila xunto coa praia de Area Maior.

Tres rutas

As tres rutas que percorren a zona urbana son Tras os pasos de Lugrís, que trae á memoria a estadía do artista en Malpica; O porto, enclave neurálxico dun pobo que naceu por e para o mar e na que atoparse de cheo coa actividade da pesca artesanal, coas tarrafas e cos barcos do día, volanteiros e palangreiros e cos profesionais do mar.
A terceira das rutas, chamada Balcón das Sisargas, percorre o paseo marítimo desde o Caldeirón ata Canido pasando por Area Maior. Ao longo dos sendeiros están colocados 11 puntos de información QR e 4 paneis informativos que dan acceso a textos e fotos, 5 audioguías e 4 vídeos, entre eles un spot viral xa subido en redes sociais, que conforman o corpo dos contidos desta iniciativa de turismo experiencial.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios