A mocidade pensa a Malpica do mañá nun obradoiro de urbanismo
Moi interesante o obradoiro de urbanismo e patrimonio “A vila do mañá” que organiza, precisamente en Malpica, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos. A mocidade dunha das capitais galegas da desfeita urbanística formularán a planificación da Malpica do futuro con varias intervencións lúdicas de transformación de diferentes espazos da vila.
O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.
O cursiño desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto coa intención de estimular unha actitude crítica entre as xeracións máis novas con respecto ao lugar que habitan.
A actividade divídese dúas quendas:
- De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas).
- De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas).
Inscricións do 15 ao 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, sito no Centro Cívico do Concello de Malpica, ou no 981 707 104, en horario de 9.30 h. a 13.30 h.