Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O Parque Empresarial de Malpica, aínda sen empresas, xa conta con 350 megas

O Parque Empresarial de Malpica, aínda sen empresas, xa conta con 350 megas
Parque Empresarial de Malpica Imaxe aérea do Parque Empresarial de Malpica, sito en Buño

Aínda non ten unha soa nave, pero polo menos xa hai conexión á internet a 350 megas. Unha infaestrutura importante para intentar convencer ás empresas de que se radiquen no parque empresarial de Malpica, un polígono de Suelo Empresarial del Atlántico (do estado), que ten os prezos máis altos que os dun competidor directo, o polígono de Carballo, propiedade da Xunta.

”Así é difícil traer empresas a Buño, mentres non baixen os prezos vai a estar a cousa complicada, tendo tan preto polígonos como os de Carballo ou Laracha onde están as parcelas máis baratas”, recoñece o alcalde.

En todo caso, o parque malpicán vai collendo novas e necesarias infraestruturas para acoller empresas. Neste caso falamos da rede, e foi o operador galego R o que resultou adxudicatario da primeira liña de axudas para conectar estas redes ultrarrápidas a 81 superficies empresariais galegas, dentro do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia impulsado pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Unha delas é a do parque de Buño, que xa está conectado a estas redes ultrarrápidas de última xeración

Os accesos ultrarrápidos á rede representan un paso substancial para as empresas galegas á hora de competir en mercados de dentro e fóra de Galicia. E a maiores, desta volta R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0 relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros. Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento. E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios