Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Poliño, ou como fuxir da Guerra dende Malpica

O Poliño, ou como fuxir da Guerra dende Malpica
O Polino de Malpica 1

Recuperamos hoxe, gracias ao arquivo de Adrián Abella, a vida dun deses persoeiros que fixo da emigración, e da fuxida da Guerra Civil, parte da historia de todos os galegos. Luís de Poliño, un malpicán do século XX que tivo unha vida completa.

Abella recolleu información para esta historia de Pedro Señarís Villar, “Perucho” Señarís Blanco, “Xelucho” Abella Chouciño e “Minota” Otero Castiñeira. Ademais aporta Recortes dun xornal francés” (anos 60).

Luís Blanco Martínez, “Poliño”

(Malpica, 28 de febreiro de 1903 – Malpica, ... de ... de 19….)

Luís de Poliño nace en Malpica de Bergantiños o dia 28 de febreiro de 1903. Coma todos aqueles rapaces de familia mariñeira dos primeiros anos do século XX, Luís deixa pronto a escola para ir ó mar. Era xemelgo de Rosende e irmán do Tío Blanco e do Tío Moro, entre outros (As mulleres colleron o “alcume” da familia da nai, “María da Bicha”, por exemplo.

A súa muller morre ó dar a luz á súa única filla (Lolita da Gordilla), en 1935. Luís pronto deixará Malpica, quedando a filla ó cargo duns parentes. Dous irmáns de Luís (Jesús e José, coñecidos co tempo por “O Tío Moro” e “O Tío Blanco”) fuxirán na “Rocío” no ano 38.

A familia do Polino de Malpica

A Guerra Civil en España vai facer que Luís sexa chamado para o exército. Así, decide fuxir xunto no verán de 1937 con outros 8 veciños no pesqueiro “Ciudad de Montevideo” (propiedade da “Tía Ánxela”, sogra de “Coruña”).

De patrón ía “Coruña”, Antonio Suárez Blanco:
Antonio entrégase na Coruña en xaneiro do 49 e en xullo é condenado a 6 anos, pero en abril do 51 é indultado da totalidade da pena. Falaba moi sereno deses 27 meses de prisión xogando ó xadrez con pezas feitas con miga de pan. “Coruña” entre 1937 e 1949 patroneou o Montevideo cara á Bretaña, loitou no frente de Cataluña, pasou polo campo francés de Argelès-sur-Mer, loitou na resistencia francesa, estivo preso en Mauthausen (marcado co 4054) e logo en Gusen (“O Inferno”), marchou para Venezuela e Estados Unidos,…

Tamén van tres irmáns de “Coruña”: José, David e Jesús “de Suares”):
- José…
- Jesús queda a vivir en Trèboul, aló traballará, na cociña dun restaurante?
- David é devolto á zona republicana polas autoridades francesas. Rematada a guerra civil e enfermo de tuberculose, preséntase ás autoridades o 2 de outubro de 1939. Gracias ós informes favorables das autoridades e veciños de Malpica, consigue a liberdade provisional o 3 de novembro, só un mes despois de “entregarse”.

Acompañábanos os irmáns Arcay Novo, Bernardino e Ramón (Ramón de Antonia):
Bernardino é devolto á zona republicana, enrolándose na Mariña en Valencia e logo en Cartagena. En abril do 38 fuxe a Túnez e en setembro do 39 ingresa detido en Rota (Cádiz). A finais do 41 ingresa na Escollera (Ferrol). Debido ós informes desfavorables de certas autoridades de Malpica, no consello de guerra de abril do 42 é condenado a 12 anos, conmutados logo a seis. Pero once “personas de garantía y solvencia” firman un manifesto ó seu favor (Modesto Ordóñez, José Mato, Pompilio Cachón, Santiago Cachón, Francisco Pombo, José Pombo, Don Pedro Lema, Don Antonio Montero, Jenaro Delgado, Evaristo Pose e, Juan Delgado Criado?). Así, o 6 de agosto de 1942 danlle a liberdade condicional e volve para Malpica. En 1951 chégalle a liberdade definitiva.
Ramón é devolto á zona republicana en Barcelona. Ó caer Cataluña cruza a Francia, sendo enviado ó campo de Argelès-sur-Mer. Tivo a sorte de conseguir plaza no “Winnipeg” cara Chile a onde chega en setembro despois dun mes de travesía. Pronto pasará ó Perú coma outros malpicáns do Winnipeg, onde traballará no seu oficio, a pesca.

De motorista ía Cándido Rodríguez Villar (o máis vello de todos).

E por último, Bernardino Garrido Carrillo (“Xudío”). Xudío, coma Ramón de Antonia, é devolto á zona republicana e pasará por Argelès-sur-Mer. Tamén vai no “Winnipeg” cara Chile e logo ó Perú onde creará un emporio pesqueiro e fará unha grande fortuna.

É a madrugada do 28 de Xuño de 1937, camiño da Bretaña

Na Enseada das Lapas, ó pé da Torre de Hércules da Coruña, recollen a Antonio Pose (“Xornes”) , tamén de Malpica (fillo de “Petrallo” propietario da cetaria das Lapas, e a Balbino Oroza Otero (cuñado de “Xornes”), de Rinlo (Ribadeo) onde tiña outra cetaria Petrallo, da que era encargado Balbino. Antonio e Balbino conseguirán embarcar cara América e farán vida en Venezuela.

Por esto, saen 9 homes de Sisargas e chegan 11 homes á Bretaña na lancha “Ciudad de Montevideo”, unha Motora construída en Malpica en 1932, de 12 metros e medio de eslora e 3 m e pico de manga, cun Motor BADWIN de 20 CV, que alcanza unha Velocidade máxima de 5 millas por hora, e co Combustible propio e o da “Igualdad” (outra motora de Malpica). O Armador era Evaristo Pose Doldán.

Dous ou tres días despois, atopan terra e preguntan onde están, dinlle que en “Finisterre”. Acaban de chegar á Bretaña francesa, ó porto de Douarnenez. Nove dos once homes do Montevideo son repatriados a España, á zona republicana.
Como conseguen Poliño e Jesús de Suares evitar a repatriación a España? Jesús atopa cobixo e traballo en Trèboul. Poliño, nunha granxa moi preto de Douarnenez. A invasión nazi de Francia, dous anos despois da súa chegada, sorprende a Poliño traballando na granxa.

A Francia

Un dia, volvendo a pé de Douarnenez duns recados, Poliño ten que identificarse diante dunha patrulla do exército alemán. Entrégalle os seus papeis ó oficial e escoita ó alemán falarlle sen entender o que lle di. Despois dun anaco escoitándoo, toma unha decisión que o salva: arríncalle os papeis das mans ó oficial e segue moi lixeiro o camiño cara a granxa, dicíndolles que ten presa e moito traballo que facer (non sei se en francés ou en galego). Véndoo tan tranquilo e decidido, a patrulla permítelle seguir o seu camiño .

Antes de rematar a 2ª guerra mundial, e despois do desembarco de Normandía (rexión veciña da Bretaña), Poliño traballará o resto da súa vida no porto de Douarnenez, de “botero”. Era un home intelixente, moi traballador, formal, curioso e espabilado (e con algo de xenio); moi respectado polos “douardenistes”.

Poliño, o botero de Douarnenez

O Polino de Malpica

Poliño ven de “Polín”, apelido vasco-francés que aparece en Malpica polo menos dende o século XVI. Según os vellos libros de San Xulián de Malpica, estudados por Xelucho Abella Chouciño, os Polín foron arponeiros, algún deles dos máis habilidosos do seu tempo, cando a caza da balea era unha “riqueza” nestas costas.
Tamén “polín” é un nome usado para nomear pezas de madeira nas que se apoian obxectos, para mantelos illados da humidade do chan. En Malpica, ós “políns” sobre os que se apousan as embarcacións chámanlles dende fai tempo, “tostas”.

A súa filla Lolita, xa casada e con fillos, quixo coñecer ó seu pai e saber como estaba. Fixo varias viaxes a Douarnenez (sempre acompañada do seu home, Pedro), a mais longa, de tres meses. Na primeira viaxe levaron ó seu fillo mais vello, José Luís Señarís Blanco, con sete anos.


O seu xenro Pedro conta que, nunha desas viaxes, foron a Trèboul. Poliño levounos, a Lolita e a el, para saudar a Jesús de Suares.

- Jesús! – berrou Luís dende a porta da casa.
- Eh, que oh? Que queres, Poliño? - contestou Jesús saíndo á fiestra.
- Ei, Jesús! Baixa, cabrón, que tés visita! – a confianza e o trato entre Luís e Jesús medrou moito cos anos (non tiñan a ninguén máis preto para falar deles e na súa fala). Ademais, nunca tiveron fillos nin familia propia na Bretaña.


Luís Blanco Martínez nunca quixo voltar a Malpica. Tiña medo das “represalias”, trinta anos despois da súa fuxida na “Montevideo”, aquela motora de 12 m de eslora cun motor Badwin 20 CV. Cada vez que a filla voltaba para Malpica notábanse nel a morriña e a soidade na que quedaba; mais intensas co paso do tempo e daquelas visitas esporádicas. Pero Lolita e Pedro nunca conseguiron convencelo.

Un dia avisan dende Douarnenez: Luís está moi enfermo de cáncer. Pedro e Lolita acompáñano na ambulancia ata París. De alí a Madrid, en avión. Outra ambulancia déixaos na porta da casa, na Rúa Vila Fano.

Poliño morre ós poucos días.

Outras fuxidas dende o porto de Malpica entre 1937 e 1938

DÍASHOMESMOTORASNOTAS
28/06/19379 + 2Montevideomotor Badwin 20 CV / eslora: 12 m
13/08/193826San Adriánmotor Líster 20 CV
31/08/193829Rocíomotor

Recorte de prensa do Polino en Douarnenez Recorte de prensa do Polino en Douarnenez

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios